A organización lanza un concurso a través das redes socias no que se escollerá o kazú máis orixinal. Os gañadores levarán 5 bonos para os dous días do festival.

O Festival Reperkusión 2015 propón unha nova sorpresa entre as súas actividades de día e de acceso libre: unha kazurrada colectiva dirixida por Cé Orquestra Pantasma, co obxectivo de montar a festa máis divertida e comunal.

Trátase de formar unha charanga de xente con kazús (instrumento tamén coñecido como turuta) para facer unha actuación conxunta, o sábado 12 de setembro sobre as 20 horas.

Para isto o festival alenta a todos os participantes a construíren o seu propio kazú dunha maneira sinxela e con materiais que teñan polas súas casas. Para aqueles que non saiban como facelo o Cé Orquestra preparou un vídeo práctico coas instrucións básicas. E para aquela ou aquel que logre facer o kazú máis estrambótico e orixinal haberá premio. Para iso, o festival lanza un concurso a través das súas redes sociais, nas que hai que enviar fotos ou vídeos do seu instrumento e quen consiga máis “gústames” en Facebook e máis “favoritos” en Twitter gañará cinco bonos para os dous días do festival.

O Cé Orquestra Pantasma xa está preparando un repertorio para a actuación colectiva, entre os que están temas como “Likor do negro café” de Lamatumbá, o “Ghai ghai” de Chouteira, “O tren” de Andrés do Barro, “O cuco cuqueiro” de Suso Vaamonde ou “O carro” de Fuxan os Centos.

A tres semanas do festival
Reperkusión 2015 terá lugar os días 11 e 12 de setembro en Bemposta, coa súa popular mestura de músicas de todos estilos e procedencias. Pasarán polo seu escenario principal os británicos Asian Dub Foundation Sound System, os latinoamericanos Che Sudaka, os bosnios Dubioza Kolektiv, os galegos Dakidarría e Chotokoeu e os españois Trashtucada, TranceUntes e La trocamba Matanusca.

Así mesmo, a programación inclúe ao longo de todo o día numerosas actividades de acceso libre e gratuito como obradoiros, pasarrúas, mercadiño, actuacións, unha nova edición da Empolada e unha zona nova centrada no reggae.

Nos diferentes espazos de acceso libre poñerán a música grupos como A Patxaranga, Maskarpone, Mènage á Trois, Brigada AM Sound System ou Hadri H. Nesta edición inaugúrase o Dub Corner, un novo espazo pensado e deseñado para amantes do reggae. Ademais, repetirá a Empolada, unha batalla de globos de auga, fariña e plumas.