Colonias de gatos

Entrevista ás xestoras das colonias de gatos de Ourense. En sete anos traballando na cidade levan recollidos 400 animais e castrados 600. 

Colonias de gatos de Ourense é o nome dunha páxina en Facebook destinada a axudar á xestión, mantemento, e control das colonias de gatos da nosa cidade, e á posta en adopción dos animais que poidan rescatarse. Son máis de mil persoas as que siguen neste perfil, actualizado a diario, os casos de gatos rescatados e en adopción que dan a coñecer a media ducia de voluntarias destas colonias.

Ante a indiferencia da maioría, e ás veces á incomprensión da súas propias familias, Nani, Sol e Lola cóntannos os seus esforzos ímprobos para manter a raia unha triste realidade que nunca remata de solucionarse.

Como empezastes coas colonias de gatos?
Sol: “Lola vivía na zona da Catedral e eu tamén, coñecíamonos simplemente de vista, eu tiña dous gatiños e vivía moi tranquila sen enterarme desto. Empecei a ver calamidades absolutas no casco antigo: o primeiro que vin foi desde a miña cociña, no tellado de atrás, unha camada de gatos recén nacidos, vin como crecían, como os veciños lles daban de comer, eu mesma tamén. Un día contactei coa protectora porque desapareceron os gatiños, quedaba un, deixáronme unha xaula trampa e logrei collelo, e foi o primeiro que trouxen para a casa, dino en adopción. Logo, ía pola rúa, vía gatas con bebés na boca, gatiños nos edificios abandonados, un día caeume un diante morto de inanición, unha loucura… Aí empecei a contactar coa protectora, coa que daquela era a presidenta, Rosa, e empezamos coas castracións”.

Empezastes a establecer un protocolo?
Sol: “Si, pouco a pouco, sen considerar que o era, co tempo acabou sendo un protocolo”.

Que é o que se fai nestes casos?

Lola: “Procuramos coller as gatas e levámolas a esterilizar, collemos tamén os gatos se podemos, e despois volvémolas soltar no mesmo lugar. Moitas veces nos atopamos gatas mansiñas, e as levamos a un piso e as deixamos para dar en adopción”.
Sol: “Trátase de seguir castrando porque aínda que hai menos bebés, aínda se atopan, sobre todo nas que non se fixeron. Nas que se fixeron castracións sempre aparece unha gata nova, ou quedou unha sen castrar… Se é unha colonia sen perigo, cástrase a nai e os bebés e alí quedan; se teñen perigo ou os bebés están enfermos cóllense os bebés e se castra a nai e os bebés danse en adopción, pero ao principio cando empezabamos recollíamos todos os animais que nos atopábamos”.

Cantas colonias tedes localizadas en Ourense?
Nani: “Gustaríanos ter feito un censo para poder ter un número aproximado. Controladas hai case 40 colonias, pero hai máis, con entre 15 e 20 animais por colonia”.

Lola: “Cada día descubrimos unha colonia nova”.

Nani: “Hai algunha colonia máis controlada na que só hai cinco ou seis membros, pero a maioría de dez non baixan”.

Tedes algún cálculo de cantos gatos levades recollidos nestes anos?
Sol: “Unha tolemia, deixei de contar a partir de 400 animais, e levamos 600 castrados”

Con estes labores de esterilización, baixou nos últimos tempos o número de gatos en colonias?
Nani: “Non o notamos, parece rechamante que co traballo que hai feito detrás e ás veces parece que non se ven os resultados”.

Sol: “Pero si os hai. Había que ver o casco antigo como estaba hai sete anos, , eu abría a miña xanela e había até sete bebés na miña praza e non había ningunha caseta, non había nada; agora o casco antigo está limpo. Un día fomos ao Couto Sol e máis eu, detrás do estadio, quedamos arrepiadas, parece que saían de debaixo das pedras, as dúas chorando, había unha chea, hoxe só hai catro adultos».

Como vos repartides o traballo?
Nani: “Téntase que cada unha leve unha zona, pero aínda segue faltando xente. Hai xente moi maior que abrangue o paseo do Barbaña, unha zona enorme, cando non estean vai ser un problema”.

Cantas persoas sodes?
Nani: “Xente que controlemos colonias, que faga rescates, cachoros e acollidas, somos as de sempre, catro ou cinco. E realmente é o que se supón un bo control de colonias, unicamente alimentando non é a solución, é un parche. A solución pasa por castrar, por controlar os membros, os membros novos…”.

Que hai que facer para ser casa de acollida?
Nani: “Hai que ter compromiso, sentido común, e paciencia. Nalgúns casos non só é alimentar e darlles un acubillo, tamén hai que traballar coa socialización do gato. Necesitamos casas de acollida temporais porque os que somos multiacolida coma min xa non temos unha zona da casa onde ter os gatos recén recollidos illados dúas ou tres semanas”.

Vedes que cambiara a actitude dos veciños con respecto ás colonias de gatos?
Sol: “Un pouco si”.
Nani: “Eu non sei como era antes, sei como é agora. O problema é que a maioría da xente é tolerante pero os dous ou tres que non o son fan moito ruído e son moi molestos, e hai en todos os barrios, cos que tes que lidiar a diario e cos que tes os teus enfrontamentos. E nótalo como un risco».

Porque logo hai envelenamentos?
Nani: “Iso é o que máis medo me dá e por iso hai que ter moita man esquerda con eles, non podes deixar que che amedrenten nin tampouco andar á gresca porque cando ti marchas os gatos están moi expostos ao que ese tolo queira facerlles”.

Pero o certo é que ter unha colonia de gatos controlada é bo para a zona.
Nani: “O que non o quere entender non o entende, por máis que lles expliques os beneficios de ter unha colonia controlada e saben que os hai, porque están a ver que fas castracións, que é o único método eficaz para ter un control, eles non o entenden, non queren que haxan gatos.

O envelenamento non é a solución, ti matarás esa colonia pero ao tres meses vas ter máis gatos porque ese oco vano a ocupar outro. A única solución pasa polo CES (Capturar, Esterilizar, Soltar), porque eses membros xa controlados (aos que se lles fai unha pequena marca nunha orella) son os que manteñen a colonia baixo control, non deixan que entren máis membros. Pero é predicar no deserto”.

Recibides algún apoio dalgunha entidade, administración, Progape…?
Sol: “Agora con Progape non temos nada, desentendeuse completamente das colonias da rúa, é máis, cando chama alguén alí danlle o noso teléfono”.

Nani: “Agora mesmo o noso maior apoio son as clínicas colaboradoras, que o fan de maneira completamente altruísta porque entenden a situación e están dispostos a axudarnos dentro das súas posibilidades. Gustaríanos que fosen máis, posto que cantos máis se sumen máis repartido estará e non terán que cargar tres ou catro co peso das colonias. A parte de que é insuficiente porque co tema das castracións as clínicas teñen unhas cotas: algunhas son dúas á semana, outro tres, outro un, como lles cadre, e ás veces temos que castrar e non temos onde levalos. Se nos fallasen estariamos perdidas”.

Están os veterinarios concienciados?
Sol: “Saben que a castración é a solución, pero non todos cren que isto se dea abarcado, non cren moito na causa, pero vano facendo, pedímosllo e vano facendo”.

E da administración, tedes axuda?
Sol: “O Concello axudounos coas casiñas e deu partidas ás clínicas, logo acabouse o diñeiro. E pedímoslle ás clínicas que por favor continuasen e fixérono.

Nani: “Agora estamos en proceso de ter conversas co novo goberno para tentar conseguir máis cousas porque a día de hoxe necesitamos o apoio institucional. Realmente cunha partida mínima mensual a nós aliviaríanos moitísimo, porque ás veces parte do noso tempo dedícase a tentar conseguir recursos para pagar, non soamente as castracións nas que nos cobran un importe mínimo, nós atendemos urxencias, medícanse cando están enfermos, todo iso é un diñeiro. E ese diñeiro parte do mercadillo solidario que pomos o primeiro domingo de mes, ou agora coas tazas solidarias… É moito tempo e moito esforzo que se nos vai niso cando poderiamos dedicalo realmente a cousas que son urxentes”.

Coñeces casos semellantes noutras cidades?
Sol: “Sabemos que existen programas de castración en varios sitios: Barcelona, Coruña, Vigo, pero non como se desenvolven nin se é todo o ano”.

Nani: “Non en todas as cidades galegas pero si nalgunhas nalgunha época do ano fanse campañas de esterilización, non soamente a nivel de colonias senón a nivel de particulares, que é algo que se debería empezar a facer aquí tamén”.

Sol: “De feito é o gran problema, todo o que hai na rúa é de particulares, a maioría abandonos intencionados”.

Nani: Hai que empezar por concienciar e axudar á xente que ten animais en casa e que non os castra, algúns non o fan porque non lles dá a gana e está o que non o pode facer porque é caro”.

Sol: “Na zona do Barbaña, xunto á depuradora dos Remedios, todos os veráns soltan gatos, este ano soltaron unha nai co seu colar e os seus bebés. Dise que son dunha señora que cando lle paren as gatas vai alí a soltar os gatos”.

Tedes presentado algunha denuncia?
Nani: “O problema é que tes que saber quen os abandona, eu a día de hoxe non o puiden saber nunca, pero no momento que o saibamos, farase. Algunha vez, mesmo coñecendo o nome, sabes que che pon tantas trabas e é tan pouco o tempo que temos, que ao final esa loita déixala porque tes outras na rúa. E é unha pena”.

Gustaríadevos deixar unha mensaxe aos lectores?
Nani: “Queremos concienciar á xente de que é necesario que castren e esterilicen ás súas mascotas, é importantísimo. Mentres iso non cambie isto non vai cambiar, nin para a protectora nin para os que estamos a pé de rúa tentando arranxar o que outros ocasionan, porque é o peixe que se morde a cola.

Que eviten as camadas indesexadas e as desexadas tamén, porque por desgraza hai demasiados animais e non hai casas para todos. A protectora está sobresaturada, nós tamén, nas rúas hai animais todos os días morrendo, bebés que non chegan a abrir os ollos, e mentres tanto hai xente que dentro da súa ignorancia ou da súa inocencia seguen vendo con alegría como a súa gatiña vailles parindo cada catro meses. A min iso destrózame, e ata que iso non cambie, e a xente se mentalice da responsabilidade que adquire cando ten un animal, mentres iso non cambie, nós seguiremos facendo o que facemos pero non vai acabar nunca, imposible.

Dinche ‘eu dounos colocado moi ben’. Non, un animal non se coloca, un animal tense que dar en adopción responsable, hai que saber que xente se pode facer cargo e quen non. Nós non regalamos animais, todo o que sae das nosas mans dáse en adopción, elíxese e mírase moito á persoa á que se dá, vai cunhas condicións e cun contrato, iso é o que se ten que facer”.