O conselleiro de Economía e Industria coñeceu o proxecto eHeart, desenvolvidoa en Galicia por seis empresas, o centro tecnolóxico Gradiant, e a Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña.
Francisco Conde puxo este mércores o proxecto eHeart, desenvolvido no marco do programa da Xunta Conecta Pemes, como exemplo da capacidade da innovación galega para salvar vidas a través das TICs. A iniciativa vén de sumar os esforzos das empresas Conexiona Telecom, Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom, o apoio tecnolóxico de Gradiant, e o apoio científico da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña, para poñer freo a unha das principais causas de morte no mundo, as enfermidades cardiovasculares.
Durante unha visita á-Tecnópole, onde ten a súa sede a empresa líder do proxecto (Conexiona Telecom), Conde resaltou que esta iniciativa, que suma 700.000 euros, facilita a detección precoz e en tempo real da fibrilación auricular, permitindo salvar vidas ao actuar rapidamente ante os primeiros signos de alarma. Se trata, sinalou Conde, dun sistema simple, cómodo, pequeno e non intrusivo, que ten un gran potencial no eido médico.
O conselleiro subliñou ademais que a posta en marcha do proxecto levou aparellado 20 empregos moi cualificados, e que o éxito da iniciativa permitirá aos seus participantes competir no mercado nacional e internacional cunha tecnoloxía desenvolvida en Galicia. “Todos eles, da man da Xunta, teñen acadado un avance económico, e, o máis importante, un avance médico que leva o selo inconfundible do mellor talento galego”, dixo.
Conde puxo as compañías que forman parte do consorcio eHeart como exemplo do crecente número de empresas innovadoras galegas. Neste senso, resaltou que son máis de 830 compañías as que innovan en Galicia, de acordo cos datos do Ministerio de Economía e Competitividade, “un número que é resultado dunha convicción que todos nós compartimos. Só apostando pola I+D+i xeramos mellores empregos, e somos quén de competir nun mercado global”.