O PSdeG avoga por un «cambio real» na institución provincial; «que supoña a mellora dos servizos dos concellos e saque a provincia dos baixos indicadores económicos actuais».
A dirección provincial do PSdeG en Ourense, encabezada polo seu secretario Xeral, Raúl Fernández e pola secretaria de Organización, María Quintas, convocou este martes aos rexedores socialistas e aos deputados provinciais para analizar polo miúdo unha serie de propostas que desembocarán nun documento a presentar no «I Cumio de alcaldes», que promove a Deputación o vindeiro 4 de setembro.
O Partido socialista valorou acudir á convocatoria do presidente da Deputación «co escepticismo de prever un acto baltarista máis» e advertindo que «non se van prestar a ningún dos seus habituais paripés sen transfondo». Estarán presentes, pola contra, «dende a convicción que a nosa única preocupación é a cidadanía e o desenvolvemento da provincia de Ourense. Achegaremos propostas claras e contudentes sobre o modelo de xestión da Deputación».
O PSdeG considera que é o momento do cambio real na Deputación provincial e que os xestos de Manuel Baltar, abrindo un diálogo cos partidos da oposición, «serán baldíos se non conlevan unha nova política que supere o partidismo clientelar e a propaganda como únicos alicerces visibles da institución».
A xuízo dos socialistas, o paro, o envellecemento, o despoboamento e a falla de estratexia e recursos para cambiar o rumbo, «poñen de relevo a ineficacia da política do PP, máis preocupado por lavar a cara das corruptelas nas súas filas que por sacar a esta provincia da illamento e o retraso socioeconómico».
Opinan que Ourense merece ser defendida polas institucións que a representan, especialmente, os concellos e a Deputación. «E neste punto a Deputación debe deixar de ser un instrumento ao servizo exclusivo dos intereses do PP e das distintas familias que o conforman, para erixirse nun verdadeiro motor do cambio na provincia», recalcan. A alternativa que eles propoñen a unha institución que tachan de «conformista e anquilosada», é unha institución «dinámica e renovadora».