O Concello aproba as bases do Concurso de Disfraces Entroido de Verán 2015 e un convenio coa Universidade de Vigo para unha xornada de Lactancia Materna.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense (XGL) aprobou o Plan Especial de Protección do Conxunto de Interese Etnográfico de Seixalbo, que será sometido a información pública polo prazo dun mes.
Logo da incorporación dunha memoria de sostibilidade económica por parte do Servizo de Planeamento, Xestión urbanística e Patrimonio do Concello de Ourense, o plan contempla a reforma dunha serie de servizos urbanos por parte do Concello cun coste total de 234.478 euros. Alén disto, o que permite a aprobación do Plan é o desbloqueo das obras particulares en toda a contorna de Seixalbo: os veciños poderán agora coñecer cal é o estado do seu inmoble e que poden facer con el en virtude das normas urbanísticas.
Este desbloqueo do plan especial é unha antiga reclamación dos veciños da zona, que a pasada semana se reunían co alcalde da cidade para plantearlle a súa preocupación polo estancamento do proceso. Co novo escenario, dáselle a oportunidade aos veciños de Seixalbo de dinamizar a zona con coñecemento das normas urbanísticas aplicables.
Polo que respecta ás actuacións do Concello, as áreas nas que se pretende traballar prioritariamente son: soterramento de cableado de todo tipo, renovación das redes de saneamento de auga potable, e dotación e renovación de mobiliario urbán. Así mesmo, tamén se actuará na mellora da sinalización das comunicacións e tráfico, e ordenación da rede eléctrica e alumeado público. Entre outras cousas, poderase actuar na contorna do Camiño Mozárabe na súa entrada en Ourense para pór en valor o percorrido do Camiño pola cidade.
Durante o prazo de exposición pública, recabarase tamén un informe sectorial en materia de patrimonio cultural á Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria.
Entroido de verán 2015
No eido cultural, A XGL aprobou as bases do Concurso de Disfraces Entroido de Verán 2015, recuperando un evento clásico na programación do verán da cidade, e que se celebrará no mes de setembro en colaboración coa Asociación cultural Praza do Correxidor. A participación será libre e aberta a asociacións, colectivos ou persoas físicas, e os concursantes deberán realizar un percorrido polas rúas da zona antiga, e un xurado valorará as propostas en función da súa orixinalidade, caracterización ou creatividade. Repartiranse premios en catro categorías.
A inscrición poderase facer na Concellería de Cultura (Auditorio Municipal) ata o 10 de setembro ás 13:00 horas. Quedou pendente, en calquera caso, de ser presentado publicamente.
Arranxo de camiños
Fóra da orde do día, e por vía de urxencia, a XGL vén de aprobar a adxudicación do proxecto de acondicionamento de camiños no Concello de Ourense por un importe de 68.391 euros. A empresa Desmaco SL presentou a mellor oferta das tres recibidas e será a encargada de facerse cargo do arranxo dos viais.
Tamén sen estar incluído ns puntos da orde do día, informouse sobre a oferta de actividades formativas para adultos que se realizarán nos vindeiros meses. Repartido en diferentes áreas, os cidadáns terán á súa disposición un total de 325 cursos completamente gratuítos, e que ofrecerán preto de 8.000 prazas, un 10% máis que o ano pasado.