A deputada Noela Blanco insta á Xunta a “poñer os medios necesarios” para evitar a perda destes fondos antes de que remate o prazo o vindeiro 31 de decembro e pide a publicación mensual do estado dos proxectos ante a “falta de transparencia”.

 

A deputada socialista e voceira de Asuntos Europeos Noela Blanco alertou de que “a mala xestión e a falta de investimentos do goberno de Feijóo” poden facer que Galicia perda uns 300 millóns de euros de axudar comunitarias de fondos FEDER, unha cuarta parte dos 1.200,4 millóns que a Xunta ten concedidos como beneficiario principal. Galicia e “unha das comunidades con menor porcentaxe de proxectos executados” e os socialistas veñen de presentar unha proposición non de lei na que instan ao goberno galego a “poñer os medios necesarios” para que non se produzan perdas destas axudas e para que se pechen e xustifiquen os proxectos do plan 2007-2013 antes de que remate o período de elixibilidade o próximo 31 de decembro.

A socialista explica que segundo os datos relativos aos reembolsos realizados á Xunta tras certificar os proxectos, só foron concedidos o 64,14% dos fondos a data de 17 de agosto. Asimesmo, califica como os “datos da vergoña” os remitidos nun informe do pasado mes de xullo pola comisión de seguimento dos FEDER á Comisión Europea, no que se constata a desaparición de proxectos como o Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, situado en Ourense, posto en marcha polos gobernos socialistas autonómico e central no ano 2009, financiado ao 100% cunha aportación total de 7.330.000 euros, que teñen coma beneficiarios ao Ministerio de Agricultura, Alimentación, e Medio Ambiente e á Xunta de Galicia, e que “frenaron no ano 2011 cando paralizaron as obras poñendo en perigo o financiamento e o Plan Estratéxico de Termalismo de Ourense, que establece esta ribeira como estratéxica”.

Outros datos relevantes son os referentes a infraestruturas en materia de saúde, cun 4,73% de execución, “quedando pendentes de executarse moitas obras, ou noutros casos iniciadas tarde, mal e rastro como nos centros de saúde do Couto en Ourense, ou hospitais coma os do Salnés”, explica. Noutros casos as porcentaxes de fondos empregados son inferiores ao 50% do montante concedido, en sectores “que deben ser estratéxicos” como en enerxías renovables e eficiencia enerxética, cunha media dun 35%, as infraestruturas sociais e de custodia de nenos, en torno ao 40%, ou a protección e conservación do patrimonio cultural, sobre o 50%.