O deputado socialista Francisco Fraga reuniuse con representantes sindicais dos bombeiros galegos, os cales lle trasladaron a súa preocupación sobre o servizo que se presta na actualidade.
O deputado socialista na Deputación e membro do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento, Francisco José Fraga, mantivo unha reunión o pasado 25 de agosto con representantes sindicais dos bombeiros galegos.
Nesta xuntanza, estes profesionais achegáronlle a súa visión sobre os diversos problemas aos que se teñen que enfrontar os traballadores, así coma a situación na que se atopan os parques de bombeiros no noso país. Ante a recente constitución do consorcio na provincia de Ourense e con vistas á próxima posta en funcionamento do mesmo, traladáronlle a Fraga as súas preocupacións sobre a xestión do servizo de incendios e dos parques de bombeiros.
O partido socialista defende un servizo “público, de calidade e eficiente” así coma unha xestión pública dos propios parques, “xa que estamos plenamente convencidos que este modelo de xestión (a pública) é o único que pode garantir o anterior”, sinalou. Desta forma, Francisco Fraga adquiriu o compromiso da defensa desta postura en calidade de membro do Consorcio, así como manter o contacto para coñecer de primeira man cales os problemas deste colectivo.