O importe da obra supera os 3 millóns de euros e ten un prazo de execución de 11 meses.

 

O Servizo Galego de Saúde deu comezo ás obras de construción do novo centro de saúde da Valenzá, coa formalización da acta de comprobación de replanteo celebrada este 28 de agosto.

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, visitou os terreos onde se edificará este centro de saúde, acompañado do teniente de alcalde, Xosé Manoel Fírvida; do delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez; da xerente de Xestión Integrada, Eloína Núñez; e da xefa territorial de Sanidade, María Villar; así como do arquitecto responsable da dirección de obra, Joaquín López-Fando.

O importe da obra é de 3.087.114 euros, e ten un prazo de execución de 11 meses. A construción do centro, que realiza a UTE Extraco, S.A. + Misturas, S.A., está cofinanciada ao 80% polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro son, unha área de medicina con cinco consultas de medicina xeral, cinco consultas de enfermería, unha consulta de matronas, unha sala de educación para a saúde, unha consulta de odontólogo + hixienista, unha sala de toma de mostras, unha sala de técnicas, unha sala polivalente, unha sala de muller con aseo, unha consulta de atención urxente, dúas consultas de pediatría, dúas consultas de enfermería pediátrica, sala de estar do persoal, sala de xuntas e biblioteca.