Unha reordenación do tráfico facilitará o tránsito pola zona durante a execución das obras e cando se poñan en marcha as novas instalación sanitarias.

 

O novo centro de saúde de Barbadás, ubicado na Valenzá e do que comezarán as obras nuns días, conta cun orzamento de 3.087.114 euros e ten un período de execución de 11 meses.

Na celebración do acto formal de replanteo, á que asistiu o arquitecto municipal, técnicos da empresa adxudicataria, a UTE Extraco e Misturas, así coma responsables técnicos da Consellería de Sanidade; o tenente alcalde de Barbadás, Xosé Manoel Fírvida, amosou a súa satisfacción ante a previsión da construcción do novo centro polo que suporá de creación “de servizos moi demandados pola veciñanza”. Non obstante, remarcou que a ubicación “non é a máis acaída” e anunciou que se levarán a cabo varias actuacións de reordenación do tráfico cando se emitan os correspondentes informes técnicos. Un dos cambios que está previsto levar a cabo e convertir a circulación en sentido único.

Outra das intervencións que xa anticipou o rexedor municipal, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, será a adecuación do entorno que comunica a rúa do Viso coa rúa das Burgas, que é o lugar onde se ubicará o centro de saúde. O acceso peonil polo parque situado ó carón das oficinas municipais da Valenzá será unha prioridade para o goberno de Barbadás. O obxectivo fundamental é mellorar a accesibilidade fundamentalmente das persoas maiores e dos demais pacientes que acudirán ó centro con carriños de bebé ou daquelas que teñen unha mobilidade reducida.