Sinalan que segue a aumentar a precariedade e os contratos a tempo parcial.
Os sindicatos CCOO e CIG analizan os datos de desemprego rexistrado en Ourense durante o mes de agosto.
Cunha baixada en 544 persoas o número de parados na provincia, para CCOO este dato pon de manifesto que se trata dunha lixeira redución estacional. “É unha insignificante baixada que, amais, súmase ao incremento da precariedade laboral, ao
seren de carácter temporal o 94% das contratacións realizadas”, destaca Ana Barrios, secretaria xeral de CCOO en Ourense, quen sinala principalmente ao sector servizos como o máis afectado pola temporalidade das contratacións, aglomerando o 79% das efectuadas o mes pasado.
A portavoz de CCOO manifesta que “a propaganda electoral do PP, preto xa das elección xerais, pretende enganar á opinión pública ao intentar vendernos unha recuperación económica e unha saída da crise que son totalmente irreais e cando o concepto de <traballador pobre> xa está a afianzarse na realidade cotiá do noso mercado laboral”, lamenta, e que conduce “á pobreza e á emigración”, sentenza.
Pola súa banda, dende a CIG tamén explican esta pequena redución como “froito da contratación temporal e a rotación de emprego que se repite cada ano neste período por mor das contratacións de verán”, asegura o secretario comarcal Etelvino Blanco.
Así mesmo, sinala que esta baixada é moito menor ca de anos anteriores, así como a temporalidade dos contratos realizados. “Dos 6.395 contratos, 6.006 foron temporais, aumentando os de tempo parcial que chegan a ser por horas e moitos inferiores a 7 días de duración”, especifica Blanco.
Ademais, fai fincapé en só o 36% dos parados percibe algunha prestación por desemprego. E a escasa cotización debida aos precarios contratso actuais está a provocar “unha espectacular caída nos ingresos da Seguridade Social, o que é moi preocupante para o futuro das prestacións”, lamenta.