Destaca o impacto turístico e dinamizador que ten no rural ourensán.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, reuniuse este mércores en Madrid co director xeral de Patrimonio de ADIF, Jorge Segrelles, e coa directora xeral de Recursos Humanos da entidade, Alicia Portas, para analizar o Programa “Estacións”, “un proxecto que o Ministerio de Fomento valora moi positivamente, tendo en conta o impacto turístico e dinamizador que tivo no rural ourensán a recuperación de antigas estacións de ferrocarril”, afirmou o presidente do goberno provincial.
O Programa “Estacións” permitiu converter edificios que se atopaban en estado de abandono en infraestruturas para uso cultural, social, museístico e turístico, co evidente impacto que isto está a supoñer para as contornas nas que se asentan. En concreto trátase das estacións dos Peares, Santa Cruz de Arrabaldo, Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Campobecerros e Vilavella.
Das seis estacións as últimas en rematar a súa rehabilitación foron as de Baños de Molgas e Santa Cruz de Arrabaldo. No que atinxe á estación de Baños de Molgas as obras consistiron no acondicionamento interior e exterior dunha carpa acristalada, equipada para a realización de eventos, que permite contar cun espazo complementario para o desenvolvemento das actividades do Museo Moncho Borrajo, que na actualidade ten a súa sede na antiga estación de Baños de Molgas.
Na estación de Santa Cruz de Arrabaldo realizáronse obras de musealización para o Centro de Interpretación do Traxe Folclórico Galego e un obradoiro de fabricación de liño con métodos tradicionais. Asemade, as instalacións albergan un espazo para a Fundación Estanislao Reverter e o Centro interpretación da historia do automóbil e do coche clásico.
Manuel Baltar afirma que o uso cultural que se lle da as antigas estacións “potencia tamén o coñecemento da nosa historia e das nosas tradicións, así como das expresións artísticas e creativas e da actividade industrial”.