A Concellería de Cultura destina un total de 1.575 euros en premios para o concurso de disfraces en tres categorías: individual, por parellas e en grupo.
A Concellería de Cultura do Concello de Ourense quere continuar e perpetuar a tradición do Entroido, unha cita arraigada no ciclo festivo da cidade, fóra das datas de inverno. Con este motivo, organiza Entroido de Verán, en colaboración coa asociación cultural Praza do Correxidor. A data elixida é o sábado 19 de setembro, cando se considera que todos os ourensáns están de volta das súas vacacións. Malia que xa se celebrou, de xeito interrompido, nos últimos anos, “a Concellería de Cultura quere facerse responsable de sacar esta festa do esquecemento e poñela no lugar que merece”, segundo Belén Iglesias.
Por vez primeira, o Entroido de Verán sairá dos límites da Praza do Correxidor, facendo partícipes a todos os ourensáns, visitantes e hostaleiros que se atopen pola zona vella da cidade. Así, o desfile pasará pola Praza Maior, Lamas Carvajal, praza de Santa Eufemia, rúa da Paz, praza do ferro e rúa dos Fornos, rematando na Praza do Correxidor. O desfile estará acompañado por diferentes charangas que levarán a música por toda a zona.
Premios e inscrición
Para conseguir unha maior implicación do público na festa, o Concello organiza un Concurso de Disfraces para esta edición, que repartirá 1.575 euros en premios. Na elección dos gañadores terase en conta a orixinalidade, a actitude diante do público, o vestiario, a maquillaxe, a caracterización e a creatividade.
En categoría individual, haberá un primeiro premio de 150 euros, un segundo de 100, un terceiro de 50 e dez accesits de 30 euros. Por parellas, haberá recibirán tamén 150, 100 e 50 euros, respectivamente, as tres mellores propostas. E por grupos, integrados por máis de 4 persoas, repartiranse 300, 200 e 100 euros. Ademais, haberá un premio especial á mellor fotografía colgada no facebook “Entroido de Verán en Ourense”, que recibirá 75 euros.
A inscrición no concurso realizarase na Concellaría de Cultura, emprazada no Auditorio Municipal,en horario de 9 a 14:30 horas, a través do 988 391 290 ou no enderezo electrónico cutura@ourense.es. O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de setembro ás 13 horas.