A maior feira científica de Galicia celebrarase entre o 18 e o 20 de novembro no Parque Tecnolóxico de Galicia, ubicado en Ourense.
Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole abre o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2015 ata o próximo 25 de outubro. A maior feira científica de Galicia inicia así o proceso de selección dos 80 proxectos cos que celebrará o seu décimo aniversario.
O evento terá lugar entre o 18 e o 20 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. As bases están xa dispoñibles en www.galiciencia.com, coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e Educación Especial poderán verse en quendas de 10 proxectos diferentes cada día.
Novas categorías para os premios
Como novidade, este ano os premios serán entregados por categorías temáticas en lugar de por ciclos educativos, como viña sendo habitual. Así, serán seleccionados polo xurado o proxecto coa mellor presentación oral, o máis innovador, o que acredite o método e proceso de investigación máis definido e o mellor do eido das humanidades. De entre todos estes, o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2016.
Aulas Tecnópole
Ademais, Tecnópole pon en marcha un ano máis o seu programa de capacitación en habilidades innovadoras para escolares, este curso con novidades. Tras o éxito dos talleres de robótica de verán, as Aulas Tecnópole terán este ano unha sección específica dedicada a esta temática. A inscrición estará aberta ata o 30 de setembro.
As aulas retomarán a súa actividade en outubro e cada xoves pola tarde acollerán a un grupo formado por un máximo de 45 alumnos de 12 a 18 anos. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as humanidades.
Pola súa parte, as novas Aulas Tecnópole Robótica terán lugar os mércores pola tarde cun auditorio máis limitado, de 24 estudantes de 9 a 13 anos.