Realizará a obra a empresa Obras y Saneamientos Galicia S.L., por importe de 180.023,80 euros. Deberá quedar totalente rematada no prazo de tres meses.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión deste xoves a adxudicación, se procede, mediante procedemento negociado sen publicidade, do proxecto de urbanización da conexión de Francisco Lloréns coa rúa Velázquez. Así, a contratación deste proxecto é para a oferta presentada por Obras y Saneamientos Galicia S.L., por importe de 180.023,80 euros (148.780 euros máis 31.243,80 euros en concepto de IVE), por tratarse da oferta económica máis vantaxosa, conforme aos criterios do prego de condicións e ao procedemento de negociación. Tamén segundo o prego, as obras deberán quedar totalente rematadas no prazo de tres meses.

Na mesma sesión, ordeouse tamén, se procede, a publicación no Diario Oficial da Unión Europea dos datos relativos á licitación do transporte urbano colectivo de viaxeiros por estrada, publicación esixida pola normativa europea (artigo 7.2 do Regulamento Comunitario Europeo 1370/2007 de 23 de outubro).

No eido cultural, tamén foron acordadas as bases reguladoras e da convocatoria 2015 para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan accións no eido cultural no Concello de Ourense. Estas subvencións supoñen un importe de 60.000 euros.

Apoio a emprendedores
En materia de emprego, aprobouse tamén a proposta de apoio para a firma dun convenio de colaboración entre a Administración Xeral do Estado, a través do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (Dirección Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa) e o Concello de Ourense para o establecemento de puntos de atención ao emprendedor (PAE) integrados na rede CIRCE.

Estes puntos encárganse de facilitar a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de información, tramitación de documentación, asesoramiento, formación e apoio ao financiamento empresarial. De feito, con este novo servizo, que se prestará no Centro de Iniciativas Empresariais, os trámites para constituir unha nova empresa terán un prazo de 24 horas, co fin de axilizar deste xeito a creación de emprego.