Está dirixido a profesionais menores de 30 anos e os traballos deben tratar sobre o despoboamento de Galicia e as súas consecuencias económicas.

A Fundación Curros Enríquez de Celanova vén de convocar o Premio “Adiante-forward” de xornalismo para profesionais recén licenciados, co fin de darlles unha oportunidade para acceder ao mercado laboral.

Co patrocinio da familia Cid e coa colaboración do Concello de Celanova, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Centro Pen de Escritores de Galicia, este galardón está dirixido a xornalistas que non teñan cumpridos os 30 anos no momento de apertura do prazo de presentación de traballos.

Os interesados en participar deben presentar un traballo que teña cabida nos parámetros habituais de extensión, enfoque, redacción e estilo dunha reportaxe xornalística. Se é en formato papel, a reportaxe maquetada debe ocupar un mínimo de dobre páxina de xornal ou varias de revista, cunha extensión non inferior a 8.000, nin superior ós 15.000 caracteres con espazos. En soporte dixital, a reportaxe maquetada (incluíndo fotografías, gráficos, enlaces, etc.) debe contar cunha extensión escrita entre 8.000 e 15.000 caracteres con espazos. Se se trata dunha reportaxe fotográfica, terá que incluir arredor de 12 fotografías, acompañadas dun texto de contextualización das imaxes. Como arquivo de audio para radio non debe durar menos de 5 minutos, e como video para televisión non pode ser inferior a 3.

A temática do traballo variará cada ano. Nesta ocasión debe afondar no despoboamento de Galicia e as súas consecuencias económicas, cómo reverter a tendencia para non termos que volver emigrar.

Cada participante só pode presentar un traballo, que deberá estar escrito preferiblemente en galego. No caso de que a reportaxe fose editada ou publicada nalgún medio de comunicación ou na rede, deberá ter sido no ano 2015.

 

Premio
A calidade narrativa, a investigación propia, a orixinalidade do enfoque ou a pluralidade das fontes son algúns dos aspectos que valorará o xurado á hora de escoller o gañador, que recibirá unha bolsa de 3.000 euros destinada a complementar a súa formación mediante cursos universitarios ou técnicos; realización de prácticas en medios de referencia ou desenvolvemento dun proxecto editorial, ben sexa en España ou no estranxeiro.

Prazo e lugar de presentación de traballos
Os traballos deben ser enviados ata o 31 de decembro de 2015 por correo electrónico á Fundación Curros Enriquez (adiante@currosenriquez.es), enviando un documento en PDF maquetado en formato de páxina de xornal ou revista no caso de que sexa escrito, ou ben o seu correspondente enlace á web correspondente no caso de que sexa escrito para un xornal dixital ou de que sexa unha reportaxe radiofónica ou audiovisual.

Os interesados en recibir máis información poden acceder á web www.currosenriquez.es ou chamar ao 646 02 64 21.