O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, visitou os CEIPs Manuel Sueiro, Mestre Vide e Albino Núñez.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, amosouse satisfeito polas obras de melloras executadas este verán nos centros educativos da provincia, nos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de investir 1.850.000 euros. Martínez engadiu que este ano, como novidade, a Deputación colabora na mellora dos centros educativos da provincia cunha partida de case 850.000 euros incluída dentro do Plan provincial de Obras e Servizos.

Martínez referiuse á partida presupostaria que o departamento autonómico destina a proxectos de reforma en centros de ensino da capital e que ascende a case 650.000 euros. En total, deste investimento se benefician 8 centros de educación Secundaria e 9 colexios de Infantil e Primaria da cidade, entre eles o CEIP Manuel Sueiro que visitou o representante do Executivo galego na provincia en compañía da xefa territorial de Cultura e Educación, Mercedes Gallego.

O delegado territorial lembrou que a Xunta executa estas obras de mellora durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e para que poidan estar rematados de cara ao inicio do próximo curso escolar.

Visita a centros mellorados
Martínez percorreu as dependencias escolares e comprobou os traballos executados no seu interior, entre os que destaca a nova división de aulas, nos que a Consellería investiu case 33.000 euros. Ademais, e coa achega de 45.500 euros da Deputación, procedeuse a cubrir o polideportivo.

De seguido, o delegado territorial trasladouse ao CEIP Mestre Vide e supervisou as obras realizadas para a instalación e reposición de falsos teitos e luminarias por un importe de 45.000 euros. Neste centro tamén instalouse, grazas á colaboración da institución provincial, unha marquesiña na entrada principal do comedor.

Por último, Martínez visitou no barrio do Pino o CEIP Albino Núñez, onde se está a traballar na instalación dun ascensor e xa se colocaron dobres ventás na fachada norte do edificio. Estes traballos supoñen un investimento de máis de 57.000 euros.

Outros centros educativos da capital ourensá onde se executaron obras de mellora son os CEIPs Amadeo Rodríguez Barroso, Mariñamansa, O Couto, Manuel Luis Acuña, Prácticas, e Vistahermosa; os IES O Couto, Blanco Amor, Otero Pedrayo, Universidade Laboral e 12 de Outubro, ademais do CIFP A Farixa, o Conservatorio Superior de Música, e o CEE O Pino.