Segundo estimacións provisionais, afectou a unha superficie de 3.180 hectáreas, 2.432 rasas e 748 arboradas.

A Consellería do Medio Rural e do Mar informa informou ao redor das 11 da mañá deste xoves da extinción do lume forestal rexistrado o mediodía do pasado domingo no concello de Cualedro, parroquia de Lucenza.

Este lume, un dos máis graves do século na comunidade, afectou, segundo estimacións provisionais, a unha superficie de 3.180 hectáreas, das cales 2.432 son rasas e 748 arboradas. As lapas estendéronse aos concellos limítrofes de Baltar, Xinzo e Trasmiras.

Na súa extinción participaron 3 técnicos, 49 axentes forestais, 108 brigadas, 47 motobombas, 8 pas, 11 helicópteros e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Artefactos
O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez -durante unha rolda de prensa conxunta que ofreceu xunto aos rexedores de Baltar e Trasmiras para analizar os danos- revelou este mércores que na zona do incencio foron localizados varios artefactos incendiarios e houbo ata sete focos.

Dadas as graves consecuencias do lume, a asociación ecoloxista Arco Iris ofrece 10.000 euros a que proporcione “datos fiables” do seu autor.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.