O acordo pon a disposición dos comerciantes numerosas opcións de financiamento, grazas a produtos propios e convenios con organismos públicos.
ABANCA e a Federación de Empresarios Terra de Caldelas (FETECAL) acaban de renovar a súa colaboración en materia financeira, co obxectivo posto en mellorar o acceso ao crédito dos autónomos e pemes desta comarca ourensá. A presidenta da FETECAL, Flora Castro González, e o director de zona en Ourense Este, Diego Daniel Fernández Borrajo, rubricaron un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial de Galicia.
O convenio recolle unha ampla e competitiva oferta de produtos deseñados para facilitar o financiamento, entre os que destacan préstamos para anticipar subvencións ou aprazar o pago de impostos, sen xuros ou comisións. O texto asinado tamén recolle outras opcións de financiamento a través de pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto.
Dende as oficinas de ABANCA tamén se facilitará a información relativa ás opcións de financiamento a través do convenio asinado coa Deputación de Ourense, así como outros convenios do ICO, Igape e SGR. A entidade tamén porá a disposición de todos os asociados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica.
Para facilitar a competitividade no mercado dos asociados, os clientes poderán acceder ao novo servizo de financiamento no punto de venta de ABANCA, chamado APLAZOS. Deste xeito, permítese simplificar e axilizar o financiamento instantáneo de produtos e servizos.
Os profesionais pertencentes a esta asociación poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.