Agárdase recoller máis de 3 millóns de quilos de uvas durante a campaña 2015.
A tempada de vendima xa comezou en Monterrei e fíxoo cun adianto de case unha semana con respecto ao ano pasado. Así, este luns 7 de setembro iniciábanse as tarefas de recollida da uva en Castro de Lobarzán, adega situada na localidade de Vilaza, que este ano será a primeira das integradas na denominación en empezar a vendimar recollendo, en concreto, variedades tintas de mencía, arauxa e merenzao.
Desde a DO Monterrei espérase unha boa campaña dado que o estado fitosanitario das uvas é moi bo debido, principalmente, á escaseza de precipitacións durante o ciclo fenolóxico da planta. As previsións que manexan os técnicos deste DO sinalan que poderían superarse amplamente os 3 millóns de quilos de uva recolleitos, incrementando a cantidade en máis un 20% con respecto ao ano pasado, o que suporía un fito histórico na zona.
Sobre a DO Monterrei
A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 24 adegas do val de Monterrei, que abrangue os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Ríos, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos deste DO ocupan un total de 467 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores. En 2014 a produción total alcanzou os 2,8 millóns de quilos de uva.