O Concello amosou a súa vontade de cooperar e acoller temporalmente persoas refuxiadas.
O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, anunciou este luns durante a sesión plenaria ordinaria, que o Concello comunicará ao Goberno Central e ao Goberno Galego a súa vontade de cooperar e acoller temporalmente persoas refuxiadas establecendo un Rexistro Municipal no que as familias do Concello de Verín se poidan anotar para acoller temporalmente refuxiados, servindo a institución municipal de intermediaria.
Diego Lourenzo, na súa intervención no pleno, recordou que Europa está rexistrando a chegada masiva de refuxiados, o maior fluxo migratorio que se rexistra dende a II Guerra Mundial. Entre o 1 de xaneiro e o 1 de setembro de 2015, máis de 350.000 persoas chegaron ás costas europeas e máis de 2.600 persoas que intentaban chegar a Europa perderon a súa vida. Por este motivo, Lourenzo instou a que o Goberno Central asuma con urxencia as súas responsabilidades e procure un cambio de políticas de asilo e cooperación dentro das institucións europeas. “Nesta liña, pediremos á Xunta de Galicia que elabore un Plan de acollida de persoas refuxiadas con dotación orzamentaria, facilitando recursos e servizos necesarios para a acollida de persoas”, aclarou Lourenzo.
“A posición da Unión Europea e de parte dos seus estados membros”, explicou Lourenzo Moura, “é vergoñenta e inhumana. Estamos falando dunha Unión Europea máis preocupada por blindarse e deixar fóra a milleiros de persoas que en lle buscar unha solución de acollemento e protección humanitaria.” Para Diego Lourenzo a liña de traballo que deben levar as institucións europeas e o Estado español pasa por “abrir corredores humanitarios, axilizar os trámites administrativos, establecer asentamentos e recoñecer o estatus de refuxiado a quen fuxe da guerra».