Terá lugar do 8 ao 11 de setembro.

O Festival de Teatro Galego celebra este ano a súa vixésimo sexta edición que terá lugar no Carballiño, os días 8, 9, 10 e 11 de setembro.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa dende hai anos porque “entendemos que festivais como o FETEGA contribúen a dinamizar a actividade cultural da provincia e a aportar valor engadido a un territorio que, de seu, conta xa cun atractivo innegable”, asegurou o vicepresidente, Rosendo Fernández.

No programa do festival, ademais das actuacións diarias das diferentes compañías haberá actividades de 11 a 13.30 e de 17 a 19 horas, como talleres de malabares e circo, de instrumentos musicais do mundo e distintos obradoiros de máscaras e papiroflexia, entre outros.

Entradas
As entradas para as actuacións terán un custo de 8 euros, aínda que “o primeiro día os asistentes terán a oportunidade de adquirir un bono con desconto de 25 euros que inclúe as funcións das catro noites, os demais días o bono será de 30 euros”, asegurou a directora do evento, Josi Lage.

Un dos actores presentes no acto, Carlos Blanco, presentou a súa comedia “Arenteiro”, que xunto a Celso Fernández Sanmartín abrirá o festival, e asegurou que se trata dunha obra pret á porter, “feita ex profeso para esta ocasión e non vai a ter continuidade”, trátase dun show escénico único e exclusivo que non se volverá a repetir.

Este Festival de Teatro Galego congrega ademais a grandes compañías das artes escénicas de Galicia como son “Ibuprofeno Teatro”, “Mota e Befa”, “Compañía Floristería e Artesa Cía”.

O último día terá lugar a entrega de premios ao mellor espectáculo teatral que será elixido polo público, premio á mellor actriz ou actor que o deciden críticos de arte, así como o premio de honra.