A corporación celebrou sesión plenaria ordinaria este luns 7 de setembro.
O tenente de alcalde, Diego Lourenzo, asumiu a presidencia do pleno ordinario celebrado no Concello de Verín este luns, debido á ausencia do alcalde. Na sesión fixáronse, por unanimidade, os festivos locais do concello para o ano 2016, que serán o 10 de febreiro (Mércores de Cinza) e o o 8 de setembro (Os Remedios).
En canto as información e outros asuntos da presidencia, Diego Lourenzo anunciou a intención do Goberno local de crear un Rexistro Municipal no que as familias do Concello de Verín se poidan anotar para acoller temporalmente refuxiados, servindo a institución municipal de intermediaria.
Rogos e preguntas do PP
No turno de rogos e preguntas, o líder da oposición, o popular Juan Manuel Jiménez Morán, presentou un total de 12 preguntas sobre diversos asuntos de actualidade. Entre eles, os populares preguntaron polo expediente aberto pola Confederación Hidrográfica del Duero pola realización de obras no río Támega na praia fluvial sen o permiso pertinente. Tamén quixeron saber os motivos que levaron ao alcalde a anunciar a rescisión do contrato coa empresa que ía instalar radares de velocidade na vila.
O orzamento que achegou o Concello de Verín á X Feira do Viño de Monterrei, os servizos que estiveron en funcionamento na piscina climatizada no mes de agosto, a falta de instalación dos xogos de skate adquiridos polo anterior goberno, a proposta de creación dun centro de día nas instalacións da antiga Praza de Abastos ou o estado das obras de construción da escola infantil foron outros dos temas polos que preguntou o PP na sesión.
En canto aos rogos, os populares pregaron ao grupo de goberno que repoña o mobiliario urbano estragado no paseo adxacente ao río Támega na Noria e que limpe a zona; tamén reclamaron o mantemento do céspede plantado nunha pequena área termal acondicionada tralo balneario de Cabreiroá.