Presenta o Programa Local de Apoio ao emprego, que oferta, de aquí a outubro, cursos formativos e incentivos ao emprendemento.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Jorge Pumar, e o presidente da Cámara de Comercio, Juan Carlos Parada Rúa, presentaron este martes o Programa Local de Apoio ao Emprego. Trátase dun conxunto de medidas e actuacións urxentes destinas a mellorar as taxas de inserción laboral, mediante a formación e o fomento do espírito empresarial. Desenvolveranse desde o 21 de setembro e ata o 20 de outubro, data na que a iniciativa culminará coa celebración da I Feira do Emprendedor.
Previamente, o programa ofrece a un máximo de 15 desempregados un curso de márketing empresarial de 60 horas. Os participantes recibirán asemade un servizo profesional de orientación laboral e coaching de 10 horas. O edil de Promoción Económica, Jorge Pumar, explicou que o programa ten o compromiso de inserción laboral “de un mínimo del 25%” dos asistentes. Ademais, becaranse con 1.550 euros aqueles proxectos presentados polos participantes que culminen cunha alta como autónomo ou a creación dunha empresa.
No que se refire á I Feira do Emprendedor, os promotores agardan reunir no antigo Banco de España a uns 300 interesados, que poderán asistir a conferencias de expertos, actividades e talleres, e a mesas redondas nas que se darán a coñecer experiencias de éxito por parte de novos empresarios. Un espazo networking, stands de emprendedores e institucionais e unha consultoría express para resolver as dúbidas dos asistentes son outros dos servizos que se ofrecerán nesta feira. “Lo importante es crear en esta ciudad que en Ourense se puede emprender, y hay talento”, recalbaba Pumar o sentido deste programa.
O Programa Local de Apoio ao Emprego está subvencionado polo Fondo Social Europeo, que achega o 80% do orzamento, que ascende a 105.900 euros. O Concello de Ourense financia o 20% restante.
As inscricións xa están abertas, tanto na web www.ourensemprendedor.gal como na Concellería de Promoción Económica (no Centro de Iniciativas Empresariais) e na Cámara de Comercio.