Estes dous mozos permanecerán en Ourense durante 10 meses.
Amigos da Terra ven de recibir a dúas novas persoas voluntarias europeas Konstantinos Sbonias procedente de Grecia e Agnes Csirmaz de Hungría e, que permanecerán en Ourense durante os próximos dez meses. Os voluntarios sumaranse aos distintos proxectos e campañas de información e educación ambiental que se desenvolven nos nosos centros e colaborarán no Centro de Educación Ambiental «As Corcerizas».
Este proxecto foi recentemente aprobado pola Comisión Europea dentro do Programa Erasmus+ da Unión Europea e está incluído dentro do Servizo Voluntario Europeo, que busca a mobilidade dos mozos e mozas europeos para que coñezan as diferentes realidades culturais e sociais doutros países participando en iniciativas que contribúan á mellora social e ambiental.
Así mesmo, Amigos da Terra conta na actualidade con outras dúas voluntarias europeas: Eszter Jákli de Hungría e Aurélie Lombard de Francia, que participan no mesmo proxecto dentro do programa Servizo Voluntario Europeo.
Amigos da Terra tamén actúa coma organización coordinadora e xestiona o envío de voluntarios. Así, ao longo deste ano varios mozos e mozas galegos están a desenvolver proxectos de voluntariado, tanto no eido ambiental, como social ou cultural en diferentes países como Eslovaquia, Irlanda, Italia e Suecia.
Por último, dende a asociación animas a todos os menores de 30 anos, que queiran vivir unha a aventura do Servizo Voluntario Europeo que se poñan en contacto con eles, no 988 374 318, en sve@amigosdaterra.net ou nas súas oficinas (rúa Bedoia, 5 – 2º) para informarse de xeito totalmente gratuito. O programa cubrirá todos os gastos de viaxe, aloxamento e manutención de ata 12 meses dos voluntarios que resulten seleccionados.