Presentación programas educativos

Os centros educativos da capital ourensá poden elixir entre 18 programas educativos.

O Concello de Ourense reforza neste novo curso escolar a programación de actividades educativas para realizar en horario lectivo. A concelleira de Educación, Belén Iglesias, acompañada das catro técnicas municipais coordinadoras desta área municipal, presentaron a nova programación, formada por un total de 18 programas educativos que comprenden 1540 actividades, dirixidas a 66.000 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria.

A oferta ampliouse nun 6% con respecto ao curso anterior e inclúe como novidades unha actividade sobre o coidado e o respecto polo mobiliario urbano con roteiros polos barrios dos escolares, así como teatro en inglés para a etapa de Infantil. Entre as actividades que perduran no tempo, o veterano programa de animación á lectura. Ademais, Aula de Natureza, Camiño Escolar, Coñece a túa cidade, Exposicións, Cursos de profesores, Días con nome propio, Educación Viaria, Medioambiente, Música na escola, Obradoiros de Semana Santa e Nadal, Proxectoterra, Saídas Didácticas, Saúde, Teatro, cine e danza na escola e Tertulias literarias.

“En todas las actividades se trabaja tanto la actividad física como la mental; son actividades donde se inculcan valores como educación para la salud, educación ambiental o educación vial”, explicaba Iglesias.

A Concellería utiliza recursos propios (profesores e instalacións municipais) para realizar estes programas, que foron presentados aos directores dos centros educativos este mesmo mércores, antes do inicio do curso escolar. Os colexios e institutos terán ata o 9 de outubro para seleccionar os cursos nos que están interesados, a través da Concellería ou da web http://www.educacionourense.com/.