Unha demostración do proceso de fundición de prata, unha das principais novidades da cita, que se celebra en Allariz o próximo domingo.
O Concello de Allariz e a Asociación de Artesáns da Comarca de Allariz organizan o vindeiro domingo 13 de setembro a 13ª edición do mercado de artesanía Arte de Man. Unha cita co mellor da artesanía local e galega que este ano incorpora como novidade a posibilidade de ver en directo o proceso de elaboración de bixutería completo incluíndo a fundición de prata.
A feira estará ubicada de 10:30 a 20:30 horas nas prazas de Arriba e de Abaixo, en pleno casco histórico alaricano. Foron seleccionados 24 stands de artesáns, máis da metade deles radicados en Allariz e o resto procedentes doutros puntos de Galicia. Cerámica, esmaltes, téxtil, debuxos e gravados, xoiería, encadernación, madeira, coiro, macramé ou tecidos son algunhas das artes que os visitantes poderán contemplar –e mercar-. Ademais, haberá dous obradoiros de cestaría a cargo da Escola de Cestaría de Santa Mariña, ás 12 e ás 17 horas, e demostracións de talla de madeira e de bixutería ao longo da xornada.
Segundo explicaba a concelleira de Promoción Económica, Cristina Cid, amais de servir de promoción do traballo de diferentes profesionais artesáns, o mercado Arte de Man permite “alongar máis a tempada (turística)” e ten influencia “no resto do comercio e na hostalería”.