A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar ata os 32 o número de centros de ensino da provincia de Ourense que forman parte da Rede de Centros Plurilingües.

Este curso 2015/2016 o CEIP Curros Enríquez de Celanova incorpórase á  Rede de Centros Plurilingües da Xunta. Así mesmo, autorizouse a extensión deste modelo educativo combinando galego, castelán e unha lingua estranxeira, ata chegar cada unha delas a un terzo do horario lectivo) á etapa de ESO nos CPR Plurilingüe María Auxiliadora e CPR Plurilingüe Divino Maestro da capital ourensá. Por outra banda, tamén se autorizaron 45 novas seccións bilingües para a provincia.

Plan de Potenciación
O Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras posto en marcha polo actual Goberno da Xunta, ao abeiro do que funcionan as devanditas redes de Centros Plurilingües e Seccións Bilingües, chegará neste curso 2015/2016 a preto de 90.000 alumnas e alumnos galegos de toda Galicia escolarizados en centros sostidos con fondos públicos.

Así, a Rede de Centros Plurilingües estará integrada por un total de 257 centros, dos que 36 son de incorporación neste curso. Pola súa parte a de Seccións Bilingües formarana 3.630 seccións, das que 407 son de nova autorización neste ano.

Mellora de bibliotecas escolares

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de incorporar a 31 centros de ensino ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), dos que tres son da provincia de Ourense: os CEIP do Xurés (Lobios), Augusto Assía (A Mezquita) e o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (A Pobra de Trives).

O Plan chegará ao 45% da totalidade dos centros de infantil e primaria e ao 68% dos centros que matriculan alumnado de ensinanza secundaria, cun alcance total estimado de 165.000 alumnas e alumnos. Destes 575 centros, 62 son da provincia de Ourense.