Presentación Reperkusión 2015

Este sábado 11 e domingo 12 de setembro, en Benposta, chega a 13ª edición deste festival, referente da mestizaxe cultural.

Os británicos Asian Dub Foundation Sound System, os latinoamericanos Che Sudaka, os bosnios Dubioza Kolektiv, os galegos Dakidarría e os españois Trashtucada son os cabezas de cartel da 13ª edición do Reperkusión, que por cuarto ano consecutivo repite localización na Cidade dos Muchachos de Benposta. En total, máis dunha vintena de concertos nos diferentes espazos do festival: o escenario principal, para os concertos de noite (os únicos de pago); a carpiña, para a programación de día, totalmente gratuita; e o dub corner, unha zona nova para amantes do reggae.

O Reperkusión 2015 presentouse este xoves no Concello de Ourense como unha edición que segue apostando por grupos internacionais e noveis, pois, como explicou un dos organizadores, Xurxo Seara, “coidamos que moitísima xente xa vén ao Reperkusión querendo descubrir grupos que non coñecen”. Pola súa banda, o director do festival, Emilio Oro, destacou algunhas das novidades deste ano: o Dub Corner, dedicado ao movemento reggae dub; e a Kazurrada, un intento por crear a maior charanga colectiva de persoas tarareando temas galegos con kazús. “Coas novas actividades queremos que o público non veña só a ver a un artista, senón que sexa o artífice da actuación, que se involucre e que participe activamente”, sinalou.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, salientou o apoio do Concello, 14.520 euros dun orzamento total que supera os cen mil euros e que “acondicionou o espazo en Bemposta e aumentou o transporte público para conectar a cidade de Ourense coa Cidade dos Muchachos”. 100 buses conectarán durante a fin de semana o centro da cidade con Benposta, con parada no contorno do Paco Paz, onde está habilitada unha zona de aparcadoiro.

Asemade, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, destacou que “a profesionalización do Reperkusión é un bo reflexo do xeito no que medrou música galega, sen perder o espíritu propio e o afán de confraternización, facendo deste un evento de referencia na mestizaxe musical”. A AGADIC contribúe á organización de Reperkusión con 12.146 euros.

As entradas estarán á venda en billeteira ao prezo de 20 euros a entrada solta dun día, 25 euros o bono de dous días e 30 euros o bono de dous días máis cámping.