Este sábado, 12 de setembro, ás 10.30 horas, na sede do parque, en Lobios.

 

O Parque Natural do Xurés acolle este sábado unha charla informativa sobre as serpes características deste espazo natural. Esta acción desenvólvese no marco dunha serie de actividades que albergará o parque nas vindeiras semanas, co fin de divulgar a súa riqueza de fauna e a flora, así como concienciar á cidadanía da importancia da conservación destas áreas.

O 12 de setembro, ás 10.30 horas, na sede do parque, en Lobios, terá lugar unha charla informativa sobre serpes características deste parque, concretamente cobra e víboras. Esta actividade, dirixida polo doutor en Bioloxía, Fernando Martínez, contará cunha parte práctica na que se realizará a observación de herpetos.

O 19 de setembro, tamén ás 10.30 horas, o parque acollerá outra charla sobre traballos agrícolas e forestais con tracción animal, impartida por un veterinario especializado nesta materia. Posteriormente levarase a cabo unha mostra de traballos con tracción animal a cargo da asociación APTRAN.

A última actividade do mes de setembro neste espazo natural levarase a cabo o 26 de setembro, xornada na que terá lugar unha charla na sede do parque para abordar a apicultura, ecoloxía e economía no medio rural. Posteriormente, os asistentes poderán visitar as colmeas ubicadas na contorna.

As charlas consisten en amenas presentacións sobre as especies máis emblemáticas e/ou ameazadas do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. Por medio das mesmas preténdese dar a coñecer os aspectos sobre a bioloxía, ecoloxía e estado de conservación das especies máis características do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés, con especial incidencia nas especies máis ameazadas ou sensibles a actividade humana.

Estas actividades están dirixidas ao público en xeral e resultan de especial interese para os veciños ou profesionais que desenvolven a súa actividade no parque natural (Axentes forestais e medioambientais, SEPRONA, GES, Sector turístico, …).