O Partido Popular de Barbadás solicitará no pleno do próximo luns, día 14, a dimisión da concelleira de Cultura, Ánxela González Cid.
O PP de Barbadás esixe a dimisión da edil de Cultura por publicar os datos dos usuarios da Escola de Música despois de enviar un correo electrónico “sen copia oculta, vulnerando a privacidade dos datos persoais de todos os usuarios da escola e a maiores facendo públicos os datos de menores de idade”. Os feitos producíronse o pasado 20 de agosto e motivaron unha denuncia do grupo popular ante a Axencia Española de Protección de Datos. O PP reclamará no pleno do próximo luns a renuncia da conceleira, Ánxela González e unha rectificación individual dirixida a todos os pais e nais de alumnos da Escola Municipal de Música.
O PP entende que “estamos ante unha grave neglixencia e ineficacia da concelleira de Cultura”, polo que pide ao alcalde que, de non dimitir, a cese en todas os seus cargos. Ademais tamén subliña que nunca ocorreu algo parecido nos oito anos de actividade da escola, cuxo funcionamento sempre foi eloxiado ata o momento polos usuarios.
O PP de Barbadás tamén presentará ao pleno outras dúas mocións. Por unha banda, propón a adopción dunha serie de medidas que redunden na mellora da seguridade viaria na contorna dos colexios públicos Filomena Dato e Ruxidoiro. Por outra banda, insta o equipo de goberno a que retome o proxecto presentado polo PP, na súa etapa á fronte da alcaldía, para a creación de máis zonas de lecer e mellora de parques e zonas verdes, “proxecto deseñado en base ás propostas dos veciños”.
Xunto con estas mocións, o grupo popular de Barbadás tamén pedirá na quenda de rogos e preguntas explicacións ao edil responsable de medio ambiente, parques, xardins e limpeza viaria pola colocación, a finais de xullo, de raticida no areal do parque dos patos, actuación que provocou a reacción inmediata dos veciños e que a propia portavoz popular, María Consuelo Vispo, puido comprobar no mesmo lugar tras ser avisada polos usuarios.