A concentración terá lugar este domingo 13 de setembro, a mediodía, fronte á Subdelegación do Goberno.

 

As organizacións sindicais CCOO, UGT e CIG; as organizacións políticas PSOE, BNG, Anova IN, Esquerda Unida, e Podemos; a Asemblea de Cooperación pola Paz; mantiveron un encontro para consensuar o seu posicionamento e accións a realizar ante a crise humanitaria que asola as persoas que procuran refuxio na UE.

Nesta reunión acordouse a convocatoria de mobilizacións nas principais cidades galegas o vindeiro 13 de setembro baixo o lema «solidariedade galega coas persoas refuxiadas». En Ourense a cita é fronte á Subdelegación do Goberno, ás 12 horas.

As organizacións convocantes, á procura dunha mobilización aberta e inclusiva, fan un chamamento ao conxunto da cidadanía para participar nestas mobilizacións. Ao remate das mesmas lerase un manifesto consensuado polas diferentes entidades que promoven esta xornada solidaria.