Entre axudas a escolares en situación de vulnerabilidade e o convenio coa Federación de Anpas para comedores.
O Concello de Ourense destina este ano 567.487 euros ás familias, con motivo do inicio do curso escolar. En total, durante este curso a Concellería de Asuntos Sociais destina 477.478 euros para axuda ás familias, tanto no gasto da escolarización e alimentación, como en conciliación e intervención socioeducativa. A esta cantidade engádeselle 90.000 euros que achega anualmente a Concellería de Educación ao convenio suscrito coa Federación de Anpas para os comedores escolares.
Logo de valorar as 1.283 solicitudes (foron estimadas 870) procedentes de 714 familias ourensás en situación de vulnerabilidade, a Concellería de Asuntos Sociais destina 401.220 euros (un 3% máis que o ano pasado) para o programa de axuda escolar. Este programa inclúe, dunha banda, axudas para material escolar para Educación Infantil (275 perceptores fronte aos 254 do ano pasado). As cuantías son de 90 euros (alumnos de 3 anos); 110 euros (alumnos de 4 anos) e 125 euros (alumnos de 5 anos). Doutra, axudas para comedores, que supoñen unha subvención do 100% do custo para os alumnos de centros públicos e un 45% para os de centros concertados (595 axudas, fronte ás 577 do pasado curso).
O goberno municipal recalca tamén que por primeira vez nos últimos anos, as axudas sociais ás familias en situación de vulnerabilidade foron resoltas no inicio do curso escolar. De feito, a concesión dos vales para a compra de material escolar serán entregados ás familias de xeito inmediato, unha vez publicados os listados das persoas perceptoras. Deste modo, non sucederá nos cursos pasados, nos que moitas familias non puideron mercar o material escolar dos cativos ata ben entrado o curso.