Unha reprodución da Virxe do Cristal foi entregada á parroquia polo seu autor, o escultor Manuel Granai.
A revista de arte, cultura e tradicións populares “Raigame”, que edita o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, da Deputación de Ourense, dedica a súa última edición, o número 38, a Vilanova dos Infantes e ao párroco Adolfo Enríquez, que aparecera morto na casa parroquial hai agora seis meses e cuxa investigación segue aberta. A presentación tivo lugar no Pazo Pronvicial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o director da revista, Xulio Fernández Senra; o sobriño do párroco, José Manuel Enríquez; e o autor da reprodución da Virxe do Cristal, Manuel Granai.
Rosendo Fernández dixo que o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” organiza co Concello de Celanova a romaría etnográfica “Raigame”, “e neste momento, coincidindo coa celebración das festas da Virxe do Cristal e servindo tamén de homenaxe ao párroco don Adolfo Enríquez, promóvese este monográfico. Dese modo, a Deputación de Ourense mantén o seu compromiso co “Raigame” e coa publicación desta revista, que conta cun gran prestixio no ámbito etnográfico non só en Ourense e en Galicia, senón tamén máis alá das nosas fronteiras.
Rosendo Fernández recordou que falar da revista Raigame é falar dunha publicación que dá a coñecer “todos aqueles traballos que afondan no coñecemento da cultura popular galega, contando coa colaboración de especialistas do ámbito na etnografía e a cultura”.
“Este ano a romaría Raigame foi substituída por un acto de homenaxe, recordo e loito ao párroco Adolfo Enríquez”, destacou Xulio Fernández, e o alcalde de Celanova adiantou que no vindeiro ano terá continuidade a celebración da XV edición da Romaría Raigame e que ademais, no 2016 “fará cen anos desde que a vila pasou a chamarse Vilanova dos Infantes (antes a súa denominación era en castelán), sendo un dos primeiros nomes de pobos galeguizados”. Jose Luis Ferro aproveitou para agradecer “un monográfico relacionado co noso concello e coa gran figura de Adolfo e da Virxe do Cristal”, e destacou “o gran labor que fixo Manuel Granai sen que ninguén lle encargase a reprodución da virxe”.
Xulio Fernández apuntou que neste número 38 desta revista os lectores terán a oportunidade de coñecer “o núcleo medieval de Vilanova dos Infantes, o seu entorno físico privilexiado, o santuario da Virxe do Cristal, a súa lenda, e o párroco Adolfo Enríquez que levaba alí case toda a súa vida sacerdotal”.
A familia pide «máis premura» na investigación
Pola súa banda, o sobriño de Adolfo Enríquez, José Manuel Enríquez, dixo que seis meses despois do sucedido, “o único que temos é o recordo do noso tío” e aproveitou para reivindicar “máis premura” na investigación, para que se esclareza o caso do párroco e poder «pasar páxina».
A historia de Manuel Granai coa Virxe do Cristal comezou cando coñeceu o crime do párroco. Licenciado en Belas Artes e especialistas en restauración, propúxose como reto persoal, sen afán lucrativo, crear unha réplica o máis similar posible a imaxe da Virxe. Logo de catro meses de dedicación a esta reprodución colgou na rede o seu traballo e puxéronse en contacto con el para coñecer persoalmente a súa obra. Dado o interese e a importancia que para esta terra tiña esta Virxe decidiu que o seu sitio estaba en Vilanova dos Infantes por iso este mesmo luns facía a entrega da mesma á parroquia.