Presentación unidade didáctica sobre Quessada

Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura colaborou coa Fundación Xaime Quesada Blanco na edición dos materiais didácticos elaborados por María Miguélez.

 

O conselleiro Román Rodríguez participou no CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso de Ourense na presentación da unidade didáctica ‘O artista na aula e os nenos e nenas ao museo’, un conxunto de materiais didácticos sobre Xaime Quessada, realizados por María Miguélez Vila para o alumnado de infantil, e editados pola Fundación Xaime Quesada Blanco, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O conselleiro afirmou que con este recurso abórdanse “cuestións básicas da aprendizaxe dos nenos e nenas, que favorecen a súa resposta creativa, que inflúen na adquisición dunha competencia clave como é a conciencia do valor social da cultura; e que se revelan, polo tanto, como partes esenciais da formación integral e humanística do noso alumnado.”

Así mesmo, Román Rodríguez explicou que os cadernos “non son só propostas para traballar as linguaxes e códigos das artes plásticas, senón que ofrecen actividades perfectamente deseñadas e estruturadas para achegarse e coñecer a obra dun creador ourensán e universal da altura de Xaime Quessada”, afirmando que “cómpre estarmos moi orgullosos do patrimonio cultural propio, da arte e dos artistas galegos, pasados, presentes e futuros.”

No acto participaron, ademais do titular de Cultura e Educación da Xunta, o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez Abad; a presidenta da Fundación Quesada Blanco, María Jesús Blanco; a directora do CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso, María Teresa Lage; e a autora das unidades didácticas para alumnado e profesorado, María Miguélez.

Dous cadernos para coñecer a Quessada
A guía pretende, segundo a autora da mesma, fomentar a comprensión da figura do artista, a reproducción das súas técnicas, e a creación autónoma, e ofrece ademais unha introducción eficaz para que a visita á colección de Quessada no Pazo de Vilamarín sexa o máis enriquecedora posible.

Os materiais da unidade didáctica ‘O artista na aula e os nenos e nenas ao museo’, tanto o Caderno para o profesorado como o caderno de fichas para o alumnado, van estar dispoñibles no repositorio de contidos do Espazo Abalar e no web de Cultura da Xunta de Galicia. Así mesmo, Cultura e Educación colaborou cunha tiraxe inicial de 200 exemplares que se distribuirán polos centros educativos de Galicia.