O Concello de Xinzo prevé abrilo grazas a un convenio coa Xunta.
O Concello de Xinzo estima que a final de mes rematarán as obras do albergue de peregrinos do municipio. Unha obra coa que o goberno local pretende situar a Xinzo no Camiño de Santiago e darlle un impulso á economía local, especialmente á zona de viños da localidade. O Concello agarda que aumente o turismo e isto supoña un aliciente para que os propietarios se animen a rehabilitar as vivendas da vila e a montar máis negocios.
O albergue contará con 14 prazas e o investimento realizado ascende a 144.000 euros, 24.000 euros que achegou a Deputación para mercar o inmoble no que se sitúa e 120.000 euros que puxo o Xacobeo para a súa rehabilitación.
O Concello de Xinzo asinou un convenio con esta entidade dependente da Xunta de Galicia para que esta asuma a xestión do recinto, contratando a unha persoa a tempo completo e facéndose cargo dos gastos correntes.
A inauguración do albergue terá lugar aproximadamente dentro de mes e medio, anuncian fontes municipais.