A CIG quere que se garanta a enerxía como un servizo público.
Este xoves foi presentada en Ourense a campaña que está a levar a CIG en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para garantir a enerxía como un servizo público e contra a pobreza enerxética. Dita iniciativa foi explicada aos medios de comunicación por Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario nacional da Federación de Industria, que estivo acompañado por Indalecio Gómez López da Federación de Industria, Paulo Conde Ferro, daFGAMT) e Plácido Valencia Rodríguez, da Federación da Construción.
A Iniciativa Lexislativa Popular solicita que a Xunta asuma o custo das facturas de gas e de electricidade das persoas en risco de pobreza enerxética, isto é, as que teñan que destinar máis do 10% dos seus ingresos a satisfacer as necesidades enerxéticas da súa vivenda. A Administración autonómica tamén fixará coas empresas subministradoras prezos sociais. A participación do Goberno galego no aproveitamento público dos recursos enerxéticos, a implantación dunha tarifa eléctrica máis baixa para Galicia, ou a creación dunha tarifa industrial estable con variacións predecibles á que poidan acollerse os grandes consumidores son outras das medidas propostas na Iniciativa Lexislativa Popular.
Actos
Nos vindeiros días a CIG instalará na rúa de mesas para a recollida de sinaturas, que terán lugar o 21 de setembro na rúa do Paseo, fronte ao antigo Banco de España, o 30 de setembro no Complexo Hospitalario de Ourense e o 7 de outubro na Alameda de Ourense. Así mesmo, terá lugar unha asemblea de delegados o xoves 24 de setembro ás 10:OO no local da CIG en Ourense.
Ademais, foron promovidas mocións nos concellos da provincia para o seu debate en pleno, solicitando das corporacións municipais o apoio a dita proposición de lei. Tamén foron celebradas asembleas en diferentes empresas da comarca, asembleas que continuarán até finais de outubro, que é cando conclúe o prazo de presentación de sinaturas.