A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron esta infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local.
A instalación vai ser modernizada por parte do Concello, ao que a Consellería de Economía e Industria vén de conceder unha axuda de máis de 73.000 euros.
As actuacións previstas céntranse na instalación de portas corredoiras automáticas; a posta en marcha dun sistema de son e pantallas; a creación dun aparcadoiro de bicicletas; a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a mellora da eficiencia enerxética coa substitución de luminarias, entre outras. Estas melloras súmanse ás realizadas o ano pasado, cunha axuda da Xunta que superou os 75.000 euros, e que permitiron a renovación da cuberta do mercado, a limpeza da fachada e a mellora do pavimento ou a colocación de consignas.
A Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por preto de 700.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 18 concellos da provincia de Ourense, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.