O alcalde, Jesús Vázquez, destacou a importancia deste espazo municipal como aglutinador da oferta cultural da cidade.
O Concello de Ourense deu a coñecer o programa de actividades do Auditorio Municipal para o último cuadrimestre do ano. Na presentación participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a concelleira de cultura, Belén Iglesias; e o técnico Manuel Freire.
O alcalde de Ourense destacou a importancia deste espazo municipal como aglutinador da oferta cultural da cidade de Ourense. “O Auditorio é sede de referencia de actividades tan exitosas coma a programación infantil dos domingos, que este ano, como ben sabedes, incrementa a súa oferta co teatro para bebés; o Festival de Cine, que xa ten sede de programación no Auditorio Municipal; pero tamén outras coma o FITO, que presentaremos en vindeiras datas, ou as funcións de compañías de teatro tan importantes como Sarabela, por poñer algún exemplo, están convertendo o Auditorio en terreno abonado para que a Cultura medre con forza nesta cidade”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, recalcou a amplitude e variedade da programación con máis de 60 actividades: “Por iso intentamos aglutinar unha ampla gama de opcións que inclúa desde humor – como os monólogos de Goyo Jiménez o 27 de setembro, para o que, por certo, xa están esgotadas as entradas -, ata artes escénicas, música ou cinema. En definitiva estamos a traballar por ter propostas culturais que sexan atractivas para que a xente teñan opcións de investir o seu tempo de ocio”.
No tocante ao técnico municipal Manuel Freire, fixo fincapé na programación, que será reforzada en etapas puntuais como é o caso do Nadal.