A sala do Contencioso-Administrativo quere analizar primeiro a posible inconstitucionalidade da Lei de Ordenación Urbanística galega.

 

A decisión sobre a legalidade ou non das normas urbanísticas provisionais do Concello de Ourense deberá agardar. A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, que debía deliberar este xoves, ve unha posible inconstitucionalidade na Lei de Ordenación Urbanística galega por infración de varios artigos da Constitución, ao contradicir o establecido na Lei estatal do Solo. Por iso, acordou dar un prazo de 10 días ás partes e ao Ministerio Fiscal para “alegar lo que deseen sobre la pertinencia de plantear cuestión de inconstitucionalidad respecto del artículo 96 de la Ley 9/2002, de 30 de diciembre, de Ordenación Urbanística y Protección del Medio Rural en Galicia, en cuanto que omite un trámite de información pública”.

Unha circunstancia que lle dá un maior prazo ao Concello de Ourense para poder aprobar o seu novo planeamento. Porén, o alcalde descarta que haxa unha segunda exposición pública do PXOM, tal e como solicitaba o BNG. Jesús Vázquez pensa que a cidade “non pode caer na paralización total” e pídelle ao resto de grupos políticos “corresponsabilidade”. Recorda que a aprobación do novo Plan Xeral requerirá “a implicación de toda a corporación” por canto é necesario maioría absoluta para darlle visto bo. En todo caso, o rexedor popular insiste en que o seu goberno “actúa con total transparencia e legalidade e nesa marxe nos manteremos”.

No caso de que finalmente haxa unha sentenza do TSXG negativa para os intereses de Ourense, o Goberno municipal valorará a posibilidade de presentar recurso de casación, tanto porque entende que a norma provisional “responde á legalidade” como porque este recurso daría máis tempo ao Concello para aprobar a nova normativa urbanística.

Valoración do BNG

Para o Bloque, as palabras do alcalde constatan “o nulo interese do Partdo Popular en que a traitación do PXOM conte coa participación das veciñas de veciños de Ourense”. Así, denuncian que o PP é “o único responsábel de ter sumida a cidade na paralización e o caos cunha ordenación de 1986”, por ser este partido quen elaborara o PXOM de 2003 que foi anulado por sentenza xudicial.

Tamén reprochan desde o BNG que o PP non aclare as declaracións do Concelleiro de Urbanisno sobre a ampliación do número de vivendas no PXOM. Lembran en voz do seu responsable local, Daniel Gómez, que “xa avisamos de que o PP poría a excusa da urxencia urbanística da cidade para non facer a segunda exposición pública, demostrado coas declaracións do alcalde e que en realidade agocha a pretensión de resolver mediante pactos de partido a resolución do PXOM e furtarlle ás veciñas unha nova fase de participación”.

O BNG lémbralle á oposición que segue tendo a responsabilidade “de frear as pretensións de pelotazo do Partido Popular.”