O Concello agarda unha resposta oficial de Fomento, pero unha alegación do PSOE no Congreso ao respecto xa foi rexeitada polo Goberno Central.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, remitiu a principios de agosto unha petición ó Ministerio de Fomento “para que proceda á instalación de pantallas acústicas no viaducto da Valenzá”, co obxecto de “mitigar o ruído producido polos vehículos ó seu paso polo viaduto”, unha instalación que segundo o rexedor xa debeu ser instalada dende a posta de funcionamento da autovía.

O Concello de Barbadás aínda non recibiu unha resposta formal acerca desta solicitude pero o Goberno do Estado rexeitou unha alegación presentada polo PSOE a través da deputada por Ourense, Laura Seara, neste sentido, na que se pedía unha inversión de ao redor de 300.000 euros procedentes dos orzamentos estatais.

A alegación do grupo socialista formaba parte das 59 emendas presentadas polo PSOE no Congreso para a provincia de Ourense ós orzamentos xerais do Estado, cas cales foron rexeitadas.

Non obstante, o rexedor de Barbadás agarda que Fomento “teña en conta esta necesidade plantexada dende un dos concellos con máis pobación da provincia”. Valcárcel destaca que “no entorno do viaduto residen preto de 800 persoas cuxa calidade de vida se ve afectada a cotío polos ruídos provocados polo intenso tráfico e o gran número de vehículos pesados”.