Manuel Baltar presentoulles na estación de Cabeza de Manzaneda a súa “visión integral de provincia”, o Plan Ourense 15-19 e amosoulles a dispoñibilidade do goberno provincial para participar en proxectos público-privados que xeren competitividade.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, convocou na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda a destacados empresarios ourensáns dos principais sectores económicos da provincia de Ourense para propoñerlles establecer “unha canle de cooperación permanente entre o goberno provincial e o empresariado ourensán que permita potenciar os principais sectores económicos da provincia de Ourense”. Así o expresou o presidente provincial ao remate da reunión, na que lles presentou a súa “visión integral de provincia”, o Plan Ourense 15-19 e amosoulles a dispoñibilidade do goberno provincial para participar en proxectos público-privados que xeren competitividade.

Na xuntanza participaron directivos de potentes compañías ourensás dos ámbitos do termalismo, o téxtil, a alimentación, a automoción, os medios de comunicación, o viño, a loxística sanitaria, a banca e a construción, empresas de longa traxectoria, moitas delas líderes nacionais no seu sector e que abranguen mercados que van dende o provincial ata o internacional, e tamén participou o consultor estratéxico Juan Verde.

O obxectivo deste cumio institucional-empresarial promovido por Manuel Baltar é potenciar as liñas de colaboración entre o goberno provincial e o empresariado para levar a cabo proxectos de cooperación que xeren competitividade e emprego na provincia. Neste sentido, Baltar explicoulles que o Plan Ourense 15-19 inclúe iniciativas nas que destacan á innovación, a xestión económica, o “goberno verde” e a interacción coa cidadanía.

Na xuntanza, Manuel Baltar relatou a evolución experimentada nos últimos anos polo goberno provincial “con iniciativas pioneiras, que facilitan e melloran a xestión dos entes locais e provinciais, unhas, e que dan unha maior visibilidade da nosa provincia, outras”. Entre elas citou a modernización dos trámites administrativos (dentro da iniciativa “Provincia intelixente”), o Plan “Ourense, a provincial termal”, as xestión para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, organización de eventos como a Semana das industrias culturais e creativas (ICC Week) ou a consecución de que a “Vuelta a España” 2016 saia da provincia de Ourense. Tamén se referiu Manuel Baltar ao “Clúster” do Viño, «que, liderado pola Deputación de Ourense, será un instrumento de desenvolvemento para o sector vitivinícola na nosa provincia”.

O presidente do goberno provincial e os empresarios acordaron establecer reunións periódicas entre a Deputación de Ourense e os diferentes sectores estratéxicos da economía provincial para manter un intercambio de información permanente co obxectivo de planificar proxectos, procurar vías de financiamento e seguir afondando na necesidade dunha cooperación público-privada.