Jesús Vázquez

O alcalde, acompañado dos seus nove edís, fixo un repaso polos logros e compromisos adquiridos destes tres primeiros meses á fronte do Concello de Ourense.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, compareceu este luns ante os medios de comunicación, acompañado de todo o seu equipo de goberno, para facer balance dos primeiros 100 días de goberno.

No seu discurso, o popular repetiu conceptos xa ben coñecidos nestes meses: a súa intención de devolver a “normalidade” ao Concello de Ourense e a “ilusión” á cidade, e a súa vontade de diálogo e de chegar a puntos de encontro coa oposición. Así, subliñou que houbo “contactos asiduos” cos demais grupos e en próximos días voltará convocar xunta de voceiros.

Jesús Vázquez tamén recalcou que nestes 100 días as súas actuacións baseáronse “na defensa dos intereses dos nosos veciños por riba de intereses particulares ou de partido”. Asemade, resaltou que o seu é un goberno “unido” e non “un reino de taifas” en referenza á anterior etapa e agradeceu a dedicación e o traballo “de sete días á semana” do seu equipo de goberno.

O aforro foi outros dos eixos que quixo destacar neste balance, e así, referiuse aos 800.000 euros de aforro para o Concello que supón o novo equipo de goberno con respecto ao que custaba o anterior mandato no seu inicio. Nesta liña, Jesús Vázquez anunciou un Plan de Reestruturación de Edificios Municipais que permitirá economizar outros 600.000 euros.

Logros e desbloqueo de asuntos pendentes
En canto aos logros destas primeiras semanas, Jesús Vázquez citou a creación dun albergue de peregrinos, o compromiso de ampliación da Escola de Idiomas, a consecución dun obradoiro de emprego, o reforzo no servizo de Axuda no Fogar, un Punto de Atención ao Emprendedor, ou os convenios con diferentes departamentos da Xunta para mellorar a sinalización das zonas termais e para remodelar o anexo do Pavillón dos Remedios. O alcalde tamén se “adxudicou” proxectos que viñan do anterior mandato, como a consecución de 3,5 millóns de euros para a Praza de Abastos ou o investimento por parte da Xunta dun millón de euros para a posta en valor da ponte Romana.

No tocante a inciativas de xestión diaria, o dirixente destacou o plan de choque de limpeza en todos os barrios e o plan de arranxo de desperfectos, desbroce de camiños e reparación de baldosas e bacheos. “Non podemos ir máis rápido por falta de dispoñibilidade económica”, apuntou.

No que se refire ao desbloqueo de asuntos pendentes, o político popular salientou a aprobación do Plan Especial de Seixalbo, a reclamación xudicial de Proavia, a activación dunha ducia de concursos públicos, entre eles o do transporte urbano, a instalación dun ascensor na Praza de Abastos, a adxudicación da obra de conexión entre as rúas Francisco Llorens e Velázquez, ou a contratación en tempo do alumeado de Nadal.

Cooperación institucional
Jesús Vázquez recoñeceu que nesta etapa houbo “moitísimo apoio institucional por parte doutras administracións”. Neste sentido, citou os acordos coa Confederación Hidrográfica para limpar os cauces dos ríos que pasan pola cidade; co Goberno central para impulsar a integración da alta velocidade e a estación intermodal, ou obras como a Circunvalación Norte, a reforma da Praza de Abastos nº1 ou o arranxo da ponte de Tarascón; coa Xunta de Galicia, que prometeu fondos para a ponte Romana, albergue de peregrinos, ampliación da EOI ou reforzó do servizo de Axuda no Fogar; e coa Deputación, que por primeira vez inclúe a Ourense nos plans provinciais e volve cofinanciar o Festival de Cine.

Proxectos pendentes
Con respecto ás críticas feitas polo PSOE sobre os proxectos que siguen pendentes na cidade, o alcalde defendeu que o seu goberno está a traballar en abrir espazos como a Praza de Abastos da Ponte ou a Molinera, pero non o quere facer de calquera xeito. “Aperturouse o Espazo Lusquiños (polo anterior goberno) e non tiña internet”, puxo de exemplo.
Os socialistas tamén o acusaran de “turismo institucional” por realizar visitas a outras administracións e el reprochoulles que durante a etapa anterior –cando el era conselleiro de Educación e Cultura e o PSOE gobernaba na cidade- non se dirixiran a el para pedirlle a súa axuda. “Só dúas veces veu a conselleira de Cultura Ana (Garrido) a falar conmigo, e o Pórtico do Paraíso foi o único tema”, dixo.

Proxectos de futuro
De cara ao futuro, o mandatario citou a aprobación do PXOM, a implantación do transporte metropolitano, a integración ferroviaria e a estación intermodal, ou a aposta polo termalismo como eixos fundamentais do seu mandato.