Reclámanlle a Baltar a disolución deste ente por ser “un saco sen fondo de gasto público” e non cumprir co obxectivo para o que foi creado.

 

Ante o próximo pleno da Deputación, que se celebrará este 25 de setembro, no que se debaterán os orzamentos provinciais para 2016; dende o Grupo Provincial Socialista lémbranlle ao señor Baltar “a súa obriga de respetar a Lei aprobada polo PP de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financieira, extremo que incumpre no caso do Inorde, tal como se deduce dos informes de Intervención”, reclaman.

O voceiro socialista, Ignacio Gómez, denuncia que o límite de teito de gasto non financieiro que se establece para o Inrode sería de 2.183.392,53 euros, cando na realidade, o ente autónomo xera un gasto non financieiro de 3.407.000, incumprindo o establecido na Lei que obriga ao déficit 0.

“Polo que reiteramos a inutilidade dun ente que incumpre ata coas máis elementais regras que impón o goberno do PP, a da estabilidade orzamentaria e que, a pesares de ser definido coma tal, de autónomo ten moi pouco, posto que ten que ser a propia Deputación a que corrixe este incumprimento”, sinala Gómez.

Por iso, os socialistas piden a disolución do Inorde e que sexa a propia Deputación de Ourense a que asuma a súa xestión, xa que, ademais de non respectar o equilibrio nas súas contas, non cumpre cos obxectivos para os que foi creado, segundo sinalan. “Se a súa finalidade é o desenvolvemento económico da nosa provincia, non vemos como pode levalo a cabo destinando un irrisorio 2,8% ao investimento directo”, engade Gómez, para quen se Baltar non accede a desfacerse deste ente deberíase “a que quere seguir empregándoo coma unha perfecta tapadeira para a concesión de subvencións nominativas, toda vez que non se pode exercer unha fiscalización tan exhaustiva coma se estivese integrado na propia Deputación”.