Segundo a edil de Cultura, Ánxela González, o obxectivo desta instalación é que “os pequenos lean, desenvolvan a súa creatividade e participen en obradoiros”.

 

O pasado venres, ás 17:30 horas, as nenas e nenos de Barbadás inauguraron o novo espazo da Casa da Cultura de Barbadás, a biblioteca infantil.

A concelleira de cultura, Ánxela González , destacou que era “unha vella reivindicación da poboación infantil” e resaltou o traballo realizado por parte dos traballadoras da Casa da Cultura, “que foron quen de por o servizo en marcha en setembro”, aclarou.

González dixo na presentación que se “trata dun espazo pensado e deseñado para os máis pequenos e cuxo obxectivo é que os nenos lean, desenvolvan a súa creatividade e participen en obradoiros e mesmo que  fagan propostas, un espazo activo e de participación e xogo”.

Asemade, animou a que durante este mes se fagan novos socios e adiantou que a partir de outubro comezará a abrir os sábados, de 10 a 13 horas, para a realización de obradoiros.