A “marea” ourensá critica a unilateralidade na toma de decisións e a política partidista do grupo de goberno popular.
O grupo municipal de Ourense en Común tamén fixo balance dos 100 días de goberno no Concello de Ourense. Continuismo, política partidista e electoralista e pouca participación foron as principais críticas que fixeron da xestión do grupo de goberno popular.
En particular, o concelleiro Miguel Doval dixo que os populares están a facer unha política “claramente partidista e electoralista”. “Que presuman da colaboración doutras administracións denota que a cidadanía está en segundo termo, esas mesmas administracións fai catro días non aparecían”, engadiu.
Ademais, o edil apenas nota “diferenzas” entre o pasado e o presente, entre o anterior goberno do PSOE e este do PP. Nesa liña, o seu compañeiro Martiño X. Vázquez, apuntou que os 100 días do actual equipo de goberno evidencian o mantemento “de vellas formas de facer política”, e cuestionou a política de “man tendida” do alcalde: “o que se fai é tomar decisións de maneira unilateral”. Na mesma idea afondaba Doval: “creo que o PP ten un complexo de maioría absoluta, de pensar que isto é o seu reino e pode facer o que quere”.
Como exemplos, a modificación de crédito aprobada co apoio do PSOE. “As formas e intereses do actual equipo de goberno quedaron en evidencia cando promoveron sen consenso unha modificación de crédito que mantiña as prioridades de gasto lonxe da xente do común”, explicaron. “Entre o anterior goberno do PSdeG e o actual do PP gastarán neste ano 2015 case un millón de euros en propaganda institucional”, amosándose por isto moi críticos coa posibilidade de que se estean empregando “cartos públicos con intereses partidistas en ano electoral”.
Tamén puxeron de exemplo a primeira decisión do Goberno popular, o apoio ao COB, decisión na que non se contou coa oposición nin se lles informou; ou que Jesús Vázquez sexa “o alcalde mellor pagado de Galicia na provincia cos salarios máis baixos”.