A proposta, a instancias do decano da Facultade de Medicina de Santiago, Juan Gestal, foi tratada na reunión que mantivo o presidente da Deputación co decano.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no seu despacho do Pazo Provincial ao decano da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Juan Gestal, para analizar o acordo de colaboración que rubricarán o goberno provincial e a Universidade de Santiago de Compostela para favorecer que alumnos da Facultade de Medicina poidan recibir docencia clínica nos cursos académicos 2015-2016 e 2016-2017 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). En concreto, o convenio que a tal efecto asinarán en outubro Manuel Baltar e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Manuel Viaño, ten como obxectivo achegar por parte da Deputación de Ourense un total de 21.660 euros por curso para sufragar a impartición de docencia clínica no Complexo Hospitalario de Ourense a alumnos de 6º curso de Medicina.
Precisamente, neste curso que comeza na Universidade de Santiago implantouse o 6º curso de Grao, con materias totalmente prácticas, para o cal se pretende contar coa colaboración do CHUO que debe dispoñer dun mínimo de 5 PACs que se encarguen de cada unha das seguintes materias: Clínica Médica, Clínica Cirúrxica, Clínica Obstétrica-Xinecolóxica, Clínica Pediátrica e Clínica Psiquiátrica.
Manuel Baltar explicou que a Deputación de Ourense “é consciente de que a participación activa dos profesionais sanitarios do CHUO na docencia clínica dos estudantes de Medicina supón un estímulo importante para a súa actualización e formación continuada, o que redundará nunha maior satisfacción dos profesionais e nunha mellor atención aos cidadáns”.
A Deputación de Ourense realizará unha achega económica por curso de 21.660 euros para poder levar a cabo esta acción formativa dos estudantes de Medicina.