O voceiro socialista afirma que se neste mandato existe diálogo “é grazas a actitude dos diferentes grupos da oposición”.
O voceiro do PSOE no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, puntualizou este martes algunhas das declaración realizadas polo alcalde da cidade durante o balance dos seus primeiros 100 días de xestión. Barquero acusou a Jesús Vázquez de “triunfalismo miope” e de “intento burdo por apropiarse de logros” e puxo algúns exemplos, como a baixada do salario do rexedor, que foi “resultado da presión dos grupos da oposición”, o transporte metropolitano, que considera un exemplo de “claudicación” ante a Xunta que terá un custo “inxustificado” para os veciños, ou o plan de emprego coa Cámara de Comercio, que xa fora presentado polo anterior Goberno socialista.
As críticas esténdense á “suposta volta normalidade da vida municipal”, pois, para Barquero, “o principal elemento perturbador no pasado era o voceiro do PP, Rosendo Fernández”. Tamén a quen é o valedor do diálogo na corporación ourensá. “Se neste mandato existe diálogo é grazas á actitude dos diferentes grupos da oposición e non é mérito dun goberno que só dialoga cando lle convén”, afirmou o socialista, recordando o traballo do seu grupo para aprobar en agosto a modificación de crédito de máis de seis millóns de euros.
Outra “eiva” do Goberno municipal é, para Barquero, “a alarmante falla de xestión nalgunhas concellerías”, polo que solicitaron por rexistro información sobre o estado do expediente de expropiación das Burgas e das facturas pendentes e pago á empresa da axuda a domicilio e a Correos. “Sospeitamos que a contía destas débedas é máis que alarmante; se non se pagan as facturas o único responsable é o goberno, xa non se pode falar de herdanza, agora é a súa xestión”, afirmou o voceiro do PSOE.
Unha última crítica foi para o concelleiro de Urbanismo, Jesús Cudeiro, que este luns anunciara que en outubro comenzarían a negociar cos demais partidos sobre o PXOM. “É unha falta de respecto aos grupos da oposición que o concelleiro de Urbanismo faga declaración deste tipo, as podería entender se tivera maioría absoluta, cando depende da oposición sobran ese tipo de comentarios”, remachou Barquero.