A primeira delas, que tratará sobre a diabete, será este martes, ás 20 horas, na AVV Barrocás.

A Concellería de Participación Cidadá do Concello de Ourense inicia este martes, 22 de setembro, ás 20 horas, na asociación de veciños Barrocás un ciclo de charlas sobre temas de interese para os veciños da cidade. Nesta primeira ocasión, será unha charla informativa sobre a diabete, organizada coa Asociación Diabética Auria, e impartida por Marisa Ruíz Santiago, enfermeira e educadora en diabetoloxía.

Estas charlas forman parte do programa de actividades que desenvolve o Concello nas asociacións veciñais coa finalidade de dar resposta ás necesidades, inquedanzas e demandas que os propios colectivos veciñais trasladan ao Concello. Así, en próximas semanas haberá novas charlas divulgativas nas que se abordarán temas como Deporte e saúde, Coidado do mobiliario urbano, Bo uso dos xogos biosaudables ou Aprender a reciclar.

Esta primeira charla, en Barrocás, está especialmente dirixida a veciños da zona, Praza 500, Inmaculada, estrada da Granxa e contorna. Haberá unha segunda charla, tamén sobre diabete, que impartirá Marisa Ruíz o xoves 24, ás 20 horas, no Centro Cultural Valente.