Manuel Baltar

Manuel Baltar considera que nesta nova etapa do municipalismo español “os gobernos provinciais gañan peso ao formar parte do órgano de goberno cinco deputacións”.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fixo balance da súa recente elección como membro da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que tivo lugar no XI Pleno que se celebrou a pasada fin de semana en Madrid. Trátase da primeira vez, en 35 anos, que a Deputación de Ourense integra a Xunta de Goberno do máximo órgano do municipalismo español, unha elección que o presidente cualificou como “unha responsabilidade é unha oportunidade para seguir innovando en política e na administración, e para favorecer ese maior achegamento dos cidadáns ás institucións”.

Manuel Baltar considera que nesta nova etapa do municipalismo “os gobernos provinciais gañan peso ao formar parte do órgano de goberno 5 deputacións fronte a un único goberno provincial que integraba a Xunta na pasada lexislatura”, e comprometeuse a trasladar ás comisións de traballo da FEMP “a nova visión de provincia co mesmo perfil prepositivo que caracteriza á Deputación de Ourense, para seguir innovando e para ir da man dos cambios que demanda a cidadanía”.

Manuel Baltar avoga por seguir mantendo a liña da unanimidade nos acordos da Xunta de goberno (509 resolucións adoptáronse unanimemente no pasado mandato) “porque esa é a gran fortaleza das reivindicacións das entidades locais e unha mensaxe importante para enviar a Europa por parte do municipalismo español; niso a Deputación de Ourense porá todo o seu empeño”, e engadiu que non cabe outro plantexamento “que deixar de lado posturas partidistas e ter en conta a fortaleza que caracterizou á FEMP na pasada lexislatura. Ogallá a unanimidade sexa unha aspiración de todos”.

O presidente do goberno provincial expresou que a Deputación de Ourense “entra na Xunta de Goberno da FEMP co aval de ter liderado iniciativas pioneiras no ámbito da administración pública, como fixo achegando propostas innovadoras á Fundación Democracia e Goberno Local, “situándonos á vangarda dos gobernos provinciais en moitos aspectos organizativos, de xestión, de rigor económico, de prestación de servizos e de transparencia, todo en favor dos concellos e dos cidadáns”, e valorou a incorporación ao órgano reitor da FEMP como “un recoñecemento ao traballo feito polo equipo de goberno da deputación e do corpo funcionarial do ente provincial, que soubo interpretar perfectamente as directrices políticas”.