Presentará aos concellos afectados, antes de que remate este ano, os estudos económicos e de tráfico.
A Consellería de Medio Ambiente presentará antes de que remate o ano un estudo de tráficos e de custes económicos do Plan de Transporte Metropolitano da área de Ourense aos concellos adheridos a esta iniciativa, co fin de poñelo en marcha en 2016. Así o está a trasladar a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, aos representantes dos oito concellos implicados na posta en marcha deste plan, cos que está a manter xuntanzas de traballo nestes días.
As primeiras reunións tiveron lugar este 22 de setembro, cos representantes dos concellos de Amoeiro, Barbadás, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Coles e continuarán nos vindeiros días con Ourense, Punxín e Toén.
Helena de Lucas está a informar aos responsables municipais dos avances e das actuacións previstas para facer posible que eses oito concellos da provincia de Ourense se sumen ás cinco áreas metropolitanas nas que xa funciona este plan de transporte público, e que son A Coruña, Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo.
Así, adiantou que nunha vindeira xuntanza se lles presentará unha proposta de convenio que recollerá as achegas económicas que lle corresponden a cada municipio, así como á Xunta, que asume o 80% das bonificacións que se aplican aos usuarios. A Administración autonómica sufraga, ademais, o 100% das bonificacións adicionias por recorrencia que se aplican aos usuarios que realizan máis de 40 viaxes ao mes; o 100% dos descontos de entre o 20 e o 50% que se aplican aos membros das familias numerosas; e o importe íntegro do transbordo co autobús urbano.
A directora xeral de Mobilidade lembrou o interese para os cidadáns do Plan de Transporte Metropolitano, que ademais de beneficiar o medio ambiente e reducir a circulación de tráfico, supón importantes reducións no prezo dos billetes de autobús, permitindo aforros medios de 600 euros anuais por usuario.